Despedida temporal

E chegou o día! Catro anos despois e con moi bos momentos polo medio, temos que tomar a dura decisión de pechar o blogue, porque outros proxectos non nos deixan tempo para ter conta deste espazo. 

O certo é que o facemos con moita mágoa porque consideramos que é necesario que haxa espazos diferentes, en todas as linguas, e que non respondan a intereses comerciais ou mesmo aos estándares que a sociedade nos impón, mais hai momentos na vida en que hai que tomar decisións e este foi un deles. Se ben xa hai un tempiño que non lle dedicabamos ao espazo o tempo que nos gustaría e que precisa, foi agora cando reparamos en que debiamos tomar unha decisión, xa que a situación non parecía que fose mudar proximamente.

Agora mesmo non sabemos se isto é unha despedida temporal ou definitiva, mais está claro que unha despedida é; e, por iso, debemos agradecervos o voso apoio a todas e todos os que estivestes do outro lado, aqueles e aquelas que de cando en vez falabades connosco e tamén aos que só nos seguiades, porque grazas a vós este espazo tivo, polo momento, catro anos de vida, de estilismos e de propostas.

Alén disto, e aínda que Ás voltas coa moda peche, as dúas seguiremos coas nosas propostas nos nosos perfís de instagram @eutamenavegar e @martina_cf, que vos convidamos a seguir! Tamén continuaremos empregando a etiqueta #ásvoltascoamoda, polo que deixaremos por aqueloutra rede un pequeno anaco do que foi este blogue que tentou abrir un chisco máis as fronteiras desde Betanzos.

Grazas de novo e bicos ben grandes para todas e todos!

Silvia e Martina