Gabardina de Kling e bolso de Valentino

Ola!! As gabardinas son unha peza chave no noso roupeiro, especialmente na primavera e no outono, mais, ás veces, atopar unha un chisco diferente é ben complicado porque non hai máis que modelos repetidos polas tendas adiante. A de hoxe é unha peza básica mais actualizada de Kling, ten un punto diferente que me animou a mercala nas rebaixas de inverno, mais como é finiña ben sabía que até a primavera non ía botar mal dela e ben que a poño agora!


A peza chave do estilismo é a gabardina mais o certo é que adoro o bolso de Valentino da proposta. É un complemento todoterreo de tamaño extragrande que poño acotío porque para ir ao traballo sempre levo mil cousas e necesito bolsos tipo "shopping". Desta volta leva tamén un chaveiro de Vendula London. Combineino cuns botíns de ante de Topshop que pensei que non lles ía dar moito uso, mais que en Galiza nunca sobran! Canto ao vestido é un básico de Stradivarius que adorei polo estampado e que é comodísimo.



Esta proposta primaveral é posible que non siga ningunha das tendencias da tempada, quizais só o vestido camiseiro, mais o certo é que segundo pasan os anos máis me decato que o único que fago é coller as tendencias que se adaptan ao meu estilo e darlles a volta que preciso para facelas miñas, porque a moda, é, a fin de contas, iso, e non seguir as tendencias sen criterio ningún.

Agardo que vos gustase e os vosos comentarios!

Mil bicos!

Silvia