Tendencia: os cadros príncipe de Gales

O estampado de cadros príncipe de Gales é unha clara tendencia para este outono-inverno. A súa orixe vén do Duque de Windsor, que foi o que popularizou este estampado cando era príncipe de Gales, e adoitaba vestir traxes de lá, aínda que posteriormente se estendeu a calquera tipo de tecido e prenda, tal e como podemos ver hoxe nas tendas.

A peza chave do estilismo de hoxe ten o estampado da tempada enxalzado con pequenas perlas, o abelorio que tamén veremos en todo tipo de prendas, e remata as mangas cun volante, o que fai esta blusa de Cocó Sanxenxo unha peza indispensable para esta tempada.
Combinei a blusa cuns pantalóns amplos de H&M, porque decidín que tanto tempo levan dicindo que os pantalóns estreitos xa non se levan, que a partir desta nova tempada volvo á comodidade e ao estilo dos pantalóns anchos nas súas distintas versións.
Rematei a proposta cunhas zapatillas negras de neopreno da tempada pasada de Zara e coas miñas novas lentes retro de Ray-ban, que merquei en Óptica Castro e que adoro. Este tipo de modelos, así como as redondas, as de aviador e mais calquera de metal, en dourado ou prata, son tendencia total e moitísimo máis cómodas que as de pasta porque non pesan nada! Recoméndovolas!

Agardo que vos gustase esta nova proposta e bicos grandes!

Silvia