Aires de outono

A volta das vacacións é moi dura mais sempre que leve aparellada nova tempada e novas tendencias é moito máis levadeira! Non adoito resistirme ao cambio de estación, entrégome, sen maior dilación, ás novas tendencias e tento buscar aquelas que máis se adaptan ao meu estilo. Eis a chave da moda, adaptar as tendencias ao estilo propio, non abandonarse a elas sen ningún miramento, ese é o siginificado real da moda.

O veludo leva unhas tempadas no noso roupeiro de xeito máis ou menos intermitente, mais este ano chega ás prendas que menos agardabamos, como é o caso dos suadoiros. O estilismo de hoxe ten como peza chave un suadoiro en chave oversize de Zara en veludo verde! Podía ser máis perfecto? Reúne todas as condicións para se converter nunha das miñas prendas favoritas desta tempada sen dúbida ningunha!
Desde o primeiro momento coidei que ía ficar perfecto co vestido estilo camisola e cun toque lenceiro de Asos que xa tanto puxen este verán e coido que a combinación ficou ideal! As botas por riba do xeonllo de Stradivarius rematan un outfit que pode resultar un chisco rompedor mais co que me identifico plenamente. A proposta pode resultar un pouco dark para as máis conservadoras, mais desde a adolescencia sempre me sentín moi cómoda con esa estética e sempre volvo ás miñas raíces!
Máis unha cousa que adoro e que non podía deixar de mencionar é o cambio de cor que me fixeron na Perrucaría Xabela de Betanzos e que adoro! Sen dúbida vai ser a base para (re)comezar a miña andaina coas cores... porque hai cousas que cos anos nunca cambian!

Agardo que vos guste esta benvida á nova tempada!

Mil bicos!!!!!!!

Silvia