Xersei de Molly Bracken

Molly Bracken é unha marca francesa que descubrín en El Corte Inglés. O certo é que xa levaba un tempo a me fixar nas súas prendas porque me parecían diferentes e divertidas e logo de mercar a primeira xa levo varias nesta tempada porque me gusta moito o seu deseño e calidade. Esta marca seica ten pouquiños anos e foi creada no 2009 por  Catherine Sidono e aínda que ten prendas moi "románticas" si que hai algunhas outras que adoro polo toque doce e inxenuo. Un dos exemplos é o xersei de hoxe que me parece perfecto para eses días do verán galego nos que refresca.

O xersei gris prata ten uns pompóns que son o mellor da prenda porque... quen non quere ter un xersei con pompóns? ;P A combinación para esta peza estaba clara desde o primeiro momento e non podían faltar os vaqueiros brancos rachados de Mango que eu coido que combinan á perfección, non pensades?
Xa que o elemento central do outfit era o xersei optei por estas sandalias beis de ante comodísimas e que que merquei en Deichmann. Imaxinade se son cómodas e combinan con todo que as merquei en negro e máis en beis, e é que ás que non nos vale calquera calzado cando atopamos un cómodo non hai quen nolo quite!


Tamén estreei este bolso en ante de Parfois cunhas flores bordadas e que ten o tamaño perfecto para ir tomar algo porque colle todo e ten un punto que afianza o resto do estilismo. Ademais, engadinlle un pompón de Primark na mesma tonalidade.
Finalmente, e aínda que non se aprecie moito nas fotos porque o ceo estaba cuberto, tamén retomei o uso do choker, ese colar finiño que levabamos nos noventa cinguido ao colo e do que reneguei anos despois, mais que con trinta e tres anos volvo  pór nunha versión en veludo gris perla de Asos... vedes como estou no certo cando digo que nunca se debe dicir nunca? A moda é impredicible!
Agardo que vos gustase a proposta de hoxe e que esteades a pasar unhas vacacións estupendas! A min polo momento aínda non me toca mais axiña chega!

Un bico ben grande e obrigadísima por seguirdes do outro lado ;)

Silvia

Publicacións populares