Nova proposta con pichi vaqueiro, tamén imprescindible para este verán!

Adoro o pichi, é unha prenda que me devolve á infancia e coido que resta anos, se o pichi é vaqueiro e por baixo dos xeonllos non hai prenda máis actual e cómoda que regresa do pasado para recuperar o lugar que merece nos nosos roupeiros. Este pichi, en concreto, é de Berskha, e como sabedes xa o merquei no outono mais agora que chega o bo tempo teño aínda máis ganas de poñelo porque as posibilidades son moitas máis!

O longo midi ou por baixo do xeonllo é perfecto para calquera ocasión e moi cómodo para o día a día. Cando vin que volvían as saias vaqueiras desta medida case non o podía crer mais aquí estou de novo, seareira absoluta desta prenda!


Para combinar o pichi e tornar un pouco un frío que aínda vai por aquí botei man, máis unha vez, da camisa vaqueira básica de Mango que tanto levo posto. A camisa vaqueira é un básico no que cómpre investir porque sempre lle vas tirar moito proveito xa que actualiza calquera proposta e dálle un aire moi xuvenil a calquera outfit. Eu opto por lle pór un nó para marcar un chisco máis a cintura mais iso xa é cuestión de gustos e coido que se pode levar de mil xeitos diferentes!


Hoxe o protagonista é o tecido vaqueiro polo que optei por uns complementos do máis sinxelos, unhas sandalias básicas de plataforma de Vagabond e mais un bolso negro da miña nai cun chaveiro de H&M un chisco orixinal que lle dá o punto divertido. Coido que desta proposta resulta un estilimo moi poñible e actual cun punto diferente.

E vós? Sodes tan seareir@s coma min dos pichis e do vaqueiro? Eu estou totalmente namorada deste tipo de propostas!

Moitas grazas por seguirdes do outro lado e mil bicos!

Silvia



Publicacións populares