Proposta con ar deportivo

As propostas de estilo baseadas nos deportes sempre son tendencia, mais é certo que determinadas prendas ligadas ao mundo do tenis veñen con máis forza para esta primavera-verán. Kling acolleu estas propostas para a súa nova colección e moitas das prendas que nos achega teñen un aire deportivo que lembran as competicións. É o caso deste xersei de raias que mesmo leva un parche dunha raqueta e é perfecto para o entretempo, ademais de ter un tecido que fica fenomenal!




Xa sabedes que devezo pola marca Kling e vou a miúdo pola tenda que ten na Coruña, adoitan ter moitas rebaixas de media tempada e caracterízase pola roupa divertida, colorida e actual, perfecta para as que aborrecemos a monotonía. Teño pendente estrear un vestido desta marca ben especial e que vos ensinarei noutra ocasión.





A minisaia de cor maquillaxe é das rebaixas do verán pasado e merqueina en Jockey en Sanxenxo, é de neopreno, un tecido que agoiran que deixa de ser tendencia mais que eu me resistro a deixar a un lado porque me parece superdivertido!







Para rematar unha proposta casual e deportiva como a de hoxe, combinei o estilismo cunhas zapatillas en prata de Core que merquei en Krack, no Centro comercial As Cancelas de Santiago, e mais a miña adorada mochila de Parfois.





Lembrade que os pompóns peludos son plena tendencia! Desta volta levo un pompón de Outfit Betanzos e mais unhas borlas metalizadas de H&M.


Por certo! As lentes de sol son o modelo Clubround de Ray-Ban, o novo icono retro que mestura as Clubmaster e as redondas e que dá como resultado un modelo perfecto! Van ser as miñas novas lentes da tempada... logo do fantástico agasallo que me fixeron! Que máis podo pedir!


Xa sabedes, a tendencia deportiva está máis de moda que nunca, e as zapatillas son aptas para calquera proposta, especialmente coa minisaia... nunca a moda foi tan cómoda!

Un bico grande e boa semana!

Silvia





















Publicacións populares