Estampados que nos devolven á infancia



Hai estampados que nos devolven á infancia e desde que Moschino botou man deles no outono-inverno da pasada tempada moitos volveron ás tendas para nos tentar ás que devecemos por prendas coloridas, divertidas e que se aproximan aos estilismos que as nosas nais adoraban, cos estampados de Minnie, Mickey, Donald e outras tantas personaxes que encheron tantas horas televisivas da nosa infancia.



Este xersei de H&M con estampado de Leopardo e a nosa querida Minnie xa ten un tempiño mais coa volta da primavera decidín que ía ficar perfecto con prendas básicas, como un pantalón negro axustado e unha camisa branca básica.



As tendencias son moi contraditorias e mentres que, por unha banda, os "crop top" son plena tendencia, por outra banda, as camisas longas veñen petando con moitísimas forza. É moi doado combinar unha básica, coma esta, cun pantalón axustado negro e se o calzado é da mesma cor, como é o caso destas botas de plataforma de Asos, sempre vai resultar un estilismo con efecto óptico estilizante, polo que a proposta está especialmente recomendada para que queira ese resultado ;).


A camisa é dunha pequena tenda de Sanxenxo, e aínda que non lembro o nome, si que recomendo moito visitar esta vila que conta con moitas pequenas tendas con prendas moi especiais e afastadas das propostas das grandes cadeas. O certo é que sempre que me achego non podo resistirme a botar unha ollada. Optei tamén por uns pequenos aneis de C&A e mais as clásicas Wayfarer de Ray-Ban en negro. Finalmente recorrín á bomber tan de moda en cor salmón de Stradivarius que xa me vistes na entrada anterior.



A proposta de hoxe é básica e divertida a partes iguais, divertida e actual polo xerse,i e básica  e clásica pola combinación cun pitillo en negro, a camisa branca longa e mais os botíns de plataforma negros de Asos aos que tanto proveito lles teño tirado. É ideal para un plan relaxado e especialmente para as fins de semana! Non pensades? 

Agardo que vos gustase e os vosos comentarios! Unha aperta moi forte e grazas por seguirdes aí!

Mil bicos!

Silvia