Saia vaqueira e botíns negros con chatolas


A saia vaqueira é un clásico, neste caso renovado e coa tendencia do vaqueiro desgastado e rachado, polo que este modelo xa pasou a ser un dos meus preferidos. Merqueina por 9 euros en Pull&Bear con vistas á primavera porque tiña o longo perfecto para ser cómoda e as características ideais para combinala en estilismos informais.




Os botíns con chatolas son un "must" hai varias tempadas. O certo é que estes de Stradivarius son comodísimos e merqueinos coa idea de darlle un punto rockeiro a algúns estilismos mais ao final boto man deles no día a día. Certo é que sempre que levo un calzado así tento rebaixar o estilismo con prendas máis básicas como fixen desta volta, para non caer no exceso.





Optei por un xersei básico negro de colo alto e mais o abrigo de Sfera que tanto levo usado este inverno. Xa que a saia e os botíns eran tan potentes había que combinalos con prendas máis básicas e tamén engadín as medias grises, outra das cores desta tempada. Lembrade que sempre que levedes calzado negro as medias negras estilizarán as pernas porque non hai sensación de corte, mais, aínda así, de cando en vez hai que arriscarse un pouco máis, para non caer na monotonía.






Canto aos complementos, combinei a saia e o xersei cun cinto en branco e negro de Primark e puxen varios aneis metalizados de diferentes tamaños de Parfois. Os pendentes, de C&A, seguen a tendencia dos noventa, de combinarmos múltiples pezas en distintos tamaños. Xa sabedes que volven as xoias máis finas, logo de anos de colares excesivos, e combinadas en diferentes grosores e tamaños, mais iso si, parece que cantas máis mellor!



Un bico ben ben grande e vémonos no próximo estilismo!

Silvia

Publicacións populares