Pantalóns xastre de cintura alta

Boa tarde! Como vai ese sábado chuvioso? Seica por moitas zonas do país con neve, mais aquí por Betanzos non temos tanta sorte, e coido que a última nevada boa foi aló por 1987, eu xa case nin a lembro, era demasiado pequena ;P.

Hoxe teño unha proposta cun tipo de pantalóns que non me virades ata o momento. Os pantalóns tipo xastre nunca foron o meu, de seguro que porque teñen un punto de formalidade que non vai moito comigo, mais ultimamente estame a dar por explorar novas posibilidades e cando vin estes pantalóns a metade de prezo en Suiteblanco souben que era o momento. As cinturas altas tamén son unha novidade para min mais recoñezo que teñen un punto retro que adoro e que unha vez postos coido que fican fenomenal, certo é que hai que ter coidado coa prenda de enriba, que non teña moito volume nin sexa demasiado rechamante para non caer no exceso, mais como sempre digo, tirando de básicos amáñase calquera estilismo, ou non?




Unha vez que tiña claro que a peza chave da proposta ía ser o pantalón o resto era doado. Precisaba ir cómoda polo que non podían faltar unhas zapatillas dunha cor de plena tendencia como o gris e camisa de raias tamén básica.




 Os pantalóns teñen como detalle un lazo á cintura que os fai aínda máis especiais.



Canto aos complementos optei por seis aneis moi finiños en prata, ouro e cobre de Parfois e mais os pendentes de flores de C&A que xa me vistes noutras ocasións, ás veces poño dous ou os tres, depende de como me pete ese día ;P.

Pantalón de Suiteblanco
Camisa de Zara
Zapatillas de Zara
Aneis de Parfois
Pendentes de C&A
Lentes de Ray-Ban

Como vedes hai moitísimos tipos de pantalóns e coido que moitas veces estamos afeitas a un determinado corte e modelo (especialmente os vaqueiros) e non lle abrimos as portas do noso roupeiro a outras posibilidades, mais cando nos atrevemos e variamos podemos dar con combinacións que saen do corrente e dan lugar a un estilismo con pantalón diferente dos que adoitamos levar decotío e que nos vai perfecto para un plan máis formal mais tamén para un plan informal, coma neste caso coas zapatillas.

E isto foi todo por hoxe! Agarddo que vos gustase o estilismo e os vosos comentarios!

Un bico moi moi grande!

Silvia