Abrigo vermello

Hai prendas que namoran, e iso foi o que me pasou con este abrigo vermello de Zara. Recoñezo que non son demasiado seareira de Zara, porque a pesar de que ten deseños que me gustan paréceme un chisco aburrido vestir tan semellante a outra xente, non obstante, se non buscas un estilismo completo  na marca, con algunha prenda un chisco especial e complementándoa con pezas doutras tendas ou marcas coido si que podes dar cun estilismo ben xeitoso.
Se ben é certo que este abrigo longo ten certa "elegancia" eu son partidaria de combinalo con prendas máis relaxadas para que dea como resultado un estilismo do máis actual. É o caso desta combinación en branco e vermello que adoro e que é quen de lle dar luz a calquera destes días ben grises que nos están a vir enriba, tal e como é normal a estas alturas do ano.





O xersei de punto en branco de colo alto é de Celane Moda, unha tenda situada no Valdoncel, ao lado do Estanco do Jerónimo, da que xa vos teño falado en máis ocasións. Canto aos pantalóns son uns vaqueiros básicos de Pull&Bear, que combinei con botíns en prata de Asos.



Hai dous complementos deste estilismo que para min son a chave, o colgante longo que merquei nun postiño de bixutería que estivo durante as festas no C.C. Los Rosales da Coruña e mais unhas lentes de sol Ray-Ban Wayfarer en negro que foron un dos meus regalos favoritos deste Nadal, de seguro que non as vou sacar de enriba!




E non puiden esquecer uns pendentes a xogo, neste caso de C&A, que sabedes que son a miña nova obsesión. E por hoxe non teño máis que contar, iso si, agardo que vos gustase o meu estilismo con abrigo vermello que pode alegrar calquera día invernal!

Un bico ben grande!

Silvia