Saia de tendencia

Unha das tendencias que máis triunfaron neste outono foi a volta das saias con corchetes e mais as prendas de ante. A proposta de hoxe combina as dúas nunha minisaia granate que é unha prenda básica para o día a día que tamén podemos levar cuns complementos de noite e utilizala para ocasións máis formais.
O día era perfecto para combinalo cun abrigo que veño de recuperar e que ten xa doce anos! Xa case podo dicir que é un abrigo vintage de Zara, que merquei aos vinte anos e que gardei coa idea de que me volvese valer. Cando chegou o momento que por fin puiden volver poñeli, non o dubidei, e ao vir da tinturaría estaba como novo! Tamén ben notei que a calidade das prendas de hai unha década desa marca non é a mesma que a de hoxe en día, que adoita deixar bastante que desexar.

Adoro esta prenda por ese aire militar e vintage que a fai tan actual e non puiden deixar esta ocasión para pór tamén estas lentes de sol que teñen arredor de corenta anos e que miña nai mercou en Suíza cando estaba emigrada. Estou namorada delas non só polo estilo aviador, que me ancanta, senón porque as usou miña nai e mais meu pai e lémbranme moito a el. Agora non só as uso eu senón tamén a miña parella, e é que hai complementos que teñen tanta historia que nos gustan polo que significan, a vós non vos pasa?
A combinación co abrigo azul mariño é moi doada e máis aínda se temos en conta que utilicei como base a cor da tempada da minisaia, nas medias e mais nas raias do xersei axustado. O resultado é un estilismo actual, cómodo e todoterreo que combina prensas de tendencia e fica á perfección para o día a día.
 Saia de Stradivarius
Xersei de C&A
Abrigo de Zara
Medias de Primark
Zapatos de Primark
Lentes de sol vintage

Hoxe, como vedes, apostei todo ao granate, e coido que ficou ben o resultado, aínda que recoñezo que o protagonismo deste volta está nese abrigo recuperado do pasado e mais neses lentes con historia familiar, porque, en ocasións, eses pequenos detalles son os que fan que máis che guste o estilismo.

Un bico máis grande e desfrutade desta semana máis curta.

Grazas por seguirdes do outro lado! 

Silvia