Frío

Seica veu o frío para se quedar e o momento das superposicións para non nos abandonar. Co frío cobran protagonismo os puchos, as luvas, os panos, as bufandas e os peúgos. En todas estas prendas centrei precisamente o estilismo de hoxe a proba de baixas temperaturas. Se ben os peúgos de lá tan altos coma os que levo non son para calquera, eu coido que lle dan un punto divertido a calquera estilismo e que son o complemento perfecto se teimamos en levar saia a pesar das baixas temperaturas.
 
Hoxe, non obstante, tamén coido que fican especialmente ben combinados o pucho de lá granate de C&A e mais este pano grande tan de moda ou "bufamanta", que merquei en Metamorfose en Betanzos, unha pequeña tenda que está no Valdoncel da que xa vos teño falado e que destaca pola orixinalidade e a calidade dos seus produtos.
 
Sempre que lle quero dar protagonismo aos complementos prefiro utilizar básicos no resto; que conste que o que para min son básicos non o son para calquera, mais dentro do meu estilo está claro que son básicos uns zapatos tipo Oxford en negro, un abrigo de estilo biker, unha saia de coiro e mais unha camisa branca. Se parto desta base as combinacións son infinitas e hoxe decidín centralas nuns complementos ben quentiños.
 


 
Como vedes, co pucho, as luvas, o pano e uns peúgos até os xeonllos estamos perfectamente preparadas para o que veña e resulta un estilismo ben quentiño e actual centrado nos complementos.




Pucho granate de C&A
Pano de cadros de Metaformose
Luvas de lá de Primark
Camisa branca de Stradivarius
Saia de coiro de H&M
Abrigo negro de Mango
Peúgos de lá de Primark
Zapatos de charol de Truffle

 

As fotos de hoxe son, como moitos e moitas de vós saberedes, no porto de Betanzos, un lugar que vos recomendo visitar e que a min me gusta especialmente porque está afastado do centro e adoita haber tranquilidade... e aínda que pareza mentira, case me gusta máis no inverno.

Agardo que vos gustase o estilismos e os vosos comentarios!

Grazas por seguirdes aí e un bico ben grande!

Silvia

 
 
 

Publicacións populares