Reinterpretación do novo grunge

O grunge volveu a pasada primavera da man de marcas como Zara e nunca tal pensei ver. Cando tendencias nadas en lugares e momentos tan distantes (a todos os niveis) do estilo de determinadas marcas petan forte é que algo está a pasar... e desta volta optei por un estilismo que reinterpreta ese novo grunge do que tanto falan as marcas máis comerciais.

O grunge como estilo naceu a finais dos anos oitenta e consolidouse a comezos dos noventa, tivo como grandes referentes a Kurt Cobain e Pearl Jam e a súa esencia era un movemento contracultural centrado especialmente na música que se traduciu en estilismos aparentemente desleixados que se materializaban no uso de prendas desgastadas, grandes e rachadas para amosar unha postura anticomercial. Desde hai ben pouco, nese remember ao que nos ten acostumado o mundo da moda, recuperouse esta tendencia e, para que negalo... eu estou encantada! Cando era moza adoraba eses estilismos e Kurt Cobain era o meu ídolo de xuventude, así que por moito que pasan os anos hai tendencias que nunca deixaron de formar parte do meu estilo!
A proposta de hoxe ten como base o vaqueiro e como principio non levar nada discreto xD. É dicir, entendo perfectamente que hai quen pensará que todo xunto é demasiado, mais eu coido que é perfecto porque todo segue a mesma estética. Os pantalóns rachados até o infinito e que, por certo, miña nai, ODIA fondamente, son a base do conxunto, ao que lle sumei a cazadora vaqueira rachada que eu mesma customicei con parches e ao que lle irei engadindo máis en canto teña tempo.
O punto máis punk vén da man deste cinto que ADORO e que merquei nun postiño das festas do San Froilán en Lugo.
O conxunto vaqueiro volve ser unha aposta segura e aínda que este ten un punto máis atrevido polas rachaduras e mais os parches, para as menos atrevidas sempre se pode levar nun ton e corte máis clásico e resultará perfecto e actual para o día a día.
A camisa que escollín xa case forma parte do meu "uniforme", e é que o estampado animal, desta volta de leopardo é un dos meus preferidos e, ademais, vai á perfección, sempre dosificado, con esta reinterpretación do novo grunge que fago no meu estilismo de hoxe.
Como calzado escollín os botíns prata cunha chiscadela ao futuro de Asos que combinan moi ben co cinto e póñenlle o broche final ao outfit.
Camisa de leopardo de Pull&Bear
Chaqueta rachada e desgastada de Suiteblanco
Pantalóns vaqueiros de Zara
Botíns de Asos
E ata aquí a miña proposta de reinterpretación do novo grunge, unha tendencia que para min nunca pasou de moda mais que estou encantada de que volva ás tendas!

Moitos biquinhos e que teñades moi boa semana!!!!!!!

Silvia