Os vaqueiros de mamá + zapatos holográficos de London Rebel

"Mom jeans" é un nome con retranca que se lle deu a este tipo de vaqueiros que levo hoxe e naceron a comezos dos oitenta, o nome de "pantalóns de mamá" era un chisco pexorativo porque se consideraban pouco modernos e favorecedores para a figura feminina. De feito, o nome vén desde que o programa humorístico Saturday Night Live lles dedicou un aloucado "sketch" no ano 2003. Estes pantalóns caracterízanse polo tiro moi alto e a perneira recta e frouxa e cando realmente se popularizaron foi nos anos noventa e non podemos negar que a serie Sensación de vivir contribuíu dun xeito decisivo a que fosen tendencia total naquela altura.

Combinar este tipo de vaqueiros é moi doado, como a idea é marcar a cintura, fican especialmente ben cos famosos suadoiros curtos, tan de tendencia, con calquera prenda axustada, coma neste caso un xersei de raias e moito mellor tamén con cazadoras "crop". Desta volta eu engadinlle unha camisa básica con corte masculino e ateina cun nó á cintura para centrar toda a atención nos vaqueiros.






Un xersei axustadiño deste tipo é comodísimo e alegra calquera estilismo, eu merqueino porque pensei que ía ficar moi ben co meu pichi vaqueiro, mais finalmente coido que lle vou dar moito máis uso!



Canto ao calzado, como non podía ser doutro xeito, optei polos meus novos zapatos holográficos de London Rebel, que merquei en Asos e que van tamén moi no estilo dos zapatos que fabrica Dr. Martins, e o único que podo dicir é que me encantan!



Outro detalle dos que máis me gusta deste estilismo e a camisa atada á cintura, é case vintage hehe, mais é que me gusta moito o pasado, que lle vou facer!


Esta proposta é perfecta para calquera plan informal, cómodo e actual por partes iguais, aínda que entendo que os pantalóns non lle gustan a calquera, a min é que me gusta probar novos cortes e desfrutar coas tendencias, de aí que sempre tente buscar alternativas para facer propostas estilísticas que agardo que vos gusten.

Por certo, o pantalón vaqueiro é de Pull&Bear, o xersei de raias de C&A, a camisa masculina de H&M, o cinto de Primark, a mochila de Asos, e os zapatos holográficos, como vos dixen, de London Rebel.

Agardo que vos gustase e moi feliz fin de semana!

Silvia