Un "hit" da tempada: o pichi vaqueiro

Logo do furor da volta do peto vaqueiro, neste outono-inverno volvemos ver os pichis por todas partes! Si, esa prenda que algunhas odiabamos porque era o uniforme do cole de monxas ao que nosos pais nos enviaban buscando o mellor para nós mais que na realidade, e a fin de contas, coido que nos fixo máis mal que ben xD. O pichi gris e granate foi o meu uniforme durante moitos anos e por iso nunca pensei usar de novo un, mais aquí estou, cun pichi vaqueiro que adoro e que coido que vai ser unha das miñas prendas estrela para este outono-inverno.

A prenda é tan xuvenil e actual que para a combinar apostei por básicos como unha camisa branca de manga longa e mais os zapatos tipo oxford de charol que teño desde o ano pasado e que tanto usei e usarei. Simplemente puxen como complemento a mochila con cara de monstro de Asos que xa ten un tempiño mais que tamén segue a ser unha das miñas preferidas!









 O día presentábase chuvioso e non perdín a ocasión para estrear a miña nova gabardina de Zara que merquei nas rebaixas do verán xa con vistas ao outono e que tiña o longo perfecto porque era semellante ao da saia. Por certo, non dixen nada da saia do pichi por baixo do xeonllo, mais non é só que con esta medida gañas centímetros senón que é comodísima e perfecta para o día a día, para min vai ser a partir de agora máis unha opción sumarlle centímetros ás saias, e ademais coido que fica ben... que opinades?





Pichi vaqueiro de Bershka
Camisa branca de Stradivarious 
Zapatos tipo oxford de Truffle
Mochila de Asos
Gabardina de Zara

A combinación de beis e negro da gabardina paréceme ideal e acho que combina á perfección co resto deste estilismo, ademais unha gabardina longa nunca está demais na Galiza, onde a partir de agora, hoxe chove e mañá tamén.

Este tipo de combinación de pichi + gabardina + zapatos masculinos deu que falar, a miña nai, sen ir máis lonxe, díxome que as monxas ían vestidas así hai anos e que lle facía graza que saíse así da casa, pola contra, a avoa da miña parella que ía moi ben amañada con este estilismo... así que xa vedes para gustos cores! Eu, desde logo, fiquei encantada, mais quero máis opinións... que me dicides?

Un bico ben grande e ánimo no inicio da semana laboral.

Silvia