Estilismo cómodo e casual para home

Ola! Despois de mil anos regreso ao blogue... mais é que cambiei de casa e estiven sen conexión a internet (e sobrevivín!) e teño un montón de novidades no roupeiro que vos irei ensinando nas vindeiras semanas ;).

Parece mentira mais hai uns días o blogue cumpría un ano! Como pasa o tempo! E o certo é que estou leda porque neste tempo para alén de achegarvos ao mundo da moda, aos meus estilismos e ás tendencias que adoro, iniciei á nosa lingua nun ámbito do que tristemente está excluída e tento, entrada a entrada, normalizar o seu uso porque a moda tamén fala galego! Como non! 

Logo desta parrafada imos ao cerne da cuestión hehe. Sabedes que este blogue tenta ser participativo, de aí que calquera achega é benvida porque non pretende ser unipersoal senón, pola contra, colaborativo, de aí que esta entrada sexa especial porque vos ensinamos, por vez primeira, un estilismo masculino, desta volta cómodo e casual mais que en vindeiras de seguro que ha de ser máis formal e estruturado. O mundo dos bloggers masculinos, ao igual que os das bloggers de talla grande, está en claro auxe, mais aínda así son moitos menos os homes que teñen blogues de moda recoñecidos, de aí que aínda nos faga moita máis ilusión traervos este estilismo de hoxe.

 

Todo parte dunha camisola negra, neste caso, para Iván, é un básico que non falta no roupeiro, hoxe cun estilo cómodo mais do que tamén tira partido en ocasións máis formais. Os pantalóns rachados, como podedes ver, son un básico actual non só para mulleres, senón tamén para homes, o bo destes vaqueiros é que levan unha tea por abaixo e serven tamén para os días que refresca xD.
 
  
 
 
A cazadora tipo moto é de coiro gris e un chisco diferente das clásicas, ademais, a carapucha dálle un aire máis deportivo perfecto para o estilo casual.
  
 As zapatillas sen cordóns son de Vans, neste caso un modelo do verán 2015 en verde e azul e con efecto lavado.

Os complementos tamén son moi especiais, as lentes de sol con pasta de madeira son tendencia e o reloxo en cor camel é precioso e mercouno nun postiño en Portonovo, dos que poñen sempre no verán á beira da praia, ademais, combina moi ben co cinto, tamén en cores terra.

Camisola negra de H&M
Cazadora de coiro gris de Zara
Pantalóns vaqueiros rachados de Pull&Bear
Cinto de Sprinfield
Lentes de sol de Easy wear
Zapatillas de Vans

Este estilismo é perfecto para o día a día e está composto de básicos que debería haber no roupeiro de calquera home, a Iván, desde logo, encántalle porque lle gustan as combinacións de cores suaves e as prendas básicas para o día a día.

Pola miña parte no próximo estilismo estreamos outono, así que estade atentos e atentas!

Mil grazas por seguirdes aí e un bico moi moi grande!

Silvia

Publicacións populares