Nova tendencia: saia con cremalleira

Ola! Como vai todo? Eu ando a mil cunha mudanza e para colmo esta semana volvo ao traballo! (: De aí que ultimamente non pasase tanto por aquí como me gustaría, desculpade ;P. Mais imos ao que imos, que xa estamos case en nova tempada e o tempo está a nos obrigar, aos poucos, a abrigarnos un pouco máis e botar man desas novas prendas e tendencias que estamos desexando estrear. Desta volta aínda que non precisei abrigarme si que estreei unha prenda da nova tempada, esta saia con cremalleira que merquei en Ropers, unha pequena tenda que vén de abrir na Rúa Doutor José Fariña, onde estaba a Libraría Carricanta antes.

Nesta saia destacan, por unha banda, as cores, que para min son o elemento imprescindible para que pase a ser unha das miñas prendas favoritas, e, por outra banda, a cremalleira á vista como o elemento decorativo máis trendy que vimos desde comezos de ano nos desfiles de Louis Vuitton ou Balenciaga que lle tentaron dan un punto máis casual a calquera tipo de prenda ao deixar as cremalleiras visibles, especialmente en saias e vestidos. Esta, en concreto, foi para min a escolla perfecta desta tendencia e para lle dar un pouco de cor a todos os días grises que nos veñen por diante.


O difícil para unha prenda deste tipo son as combinacións, porque ao ter o elemento central tanta forza resulta complicado non lle restar protagonismo e tampouco caer nun uso excesivo da cor. Eu desta volta combineina cunha blusa amarela, mais xa teño en mente varias combinacións con granate (burgundy ou marsala como prefirades xD) que non só adoro senón que segue de plena tendencia para este outono-inverno.



Engadín o chaleque tipo americana de Bershka para abrigarme un pouco e mais porque vin que seguen sendo plena tendencia este tipo de chaleques para a nova tempada, por tanto aínda lle vou dar máis uso! Pensei, ademais, que ao ser azul mariño rebaixaba un pouco as cores e ficaba un estilismo perfecto para moitas ocasións, o certo é que dubidei moito... mais que pensades da combinación?



 Finalmente decidín engadirlle unhas botas nunha cor neutra para nos distraer a atención do elemento central e non caer no exceso. O bolso é o de G3women e imita ao clásica Candy Bag.


Saia de raias de Ropers
Chaleque de Bershka
Blusa de Primark
Botas de Marypaz
Bolso de G3Women

 Aí tendes un detalliño desta blusa básica mais perfecta para calquera estilismo cun punto formal. É necesario termos no armario varias deste estilo porque combinan con todo e, especialmente en cores, alegran calquera estilismo!

Recoñezo que a pesar de que adoro esta saia é de difícil combinación mais desta volta optei polo chaleque, de seguro que dentro dun meses e combinada con tons terra e marrón tamén fica perfecta. Vós que opinades? Gustouvos a combinación ou como  a combinariades vós?

Grazas por seguirdes aí e un bico moi moi grande!!

Silvia




 

Publicacións populares