Vestido de inspiración vintage

Nas tendas podemos atopar moitas prendas con inspiración vintage, máis aínda agora que os setenta están petando nas coleccións con tanta forza, por iso, cando a miña parella me regalou este vestido hai xa uns meses recoñezo que tiven as miñas dúbidas, principalmente porque era de tiras e eu non adoito poñen prendas moi escotadas e en segundo lugar porque coidaba que tiña un corte bastante formal e tiña serias dúbidas sobre en qué ocasión o podería pór. A pesar de todo isto, adorei o detalle e tiña que buscar a fórmula para lle tirar proveito porque era un agasallo moi especial... e no verán sempre hai ocasións para todo!

Finalmente decidín que unha prenda vaqueira sempre rebaixa calquera estilismo e, a maiores, abriga, porque o verán galego non vos está como para andar desabrigada que os catarros están á orde do día con este tempo xD. De aí que botei man desta camisa de Mango que xa combinei coa minisaia prata nestoutro estilismo e fíxenlle un nó para lle dar maior protagonismo ao vestido-saia e adecuala á década á que nos lembra este vestido ao que o cancán lle dá un volume que coido que fica ideal.

Xa que o tempo non está para sandalias, puxen estas cangrexeiras cerradas de Asos que xa teñen uns cantos meses mais que coido que nunca saquei no blog e que lle dan un punto divertido ao resto do conxunto. O bolso é un básico ao que lle quitei a tira da bandoleira e usei como carteira de man e os pendentes son uns aros en prata de Bijou Brigitte.

Vestido de inspiración vintage C&A
Camisa vaqueira Mango
Cangrexeiras brancas Asos
Bolso de man Misako
Pendentes Bijou Brigitte 

Este estilismo é perfecto para estes días de festa, o mesmo vai ben para unha comida familiar que logo para saír e como os zapatos son super cómodos podemos aguantar todo o día sen problema. A min gustoume moito, agardo que a vós tamén.

Moitas grazas polas vosas visitas e comentarios e un biquiño moi grande!

Silvia