Conxunto de dúas pezas con estampado xeométrico

No verán adoito arriscar un chisco máis porque os estilismos máis fresquiños préstanse para abusar das cores e formas máis divertidas e inusuais. 
 
Este conxunto de dúas pezas cumpre á perfección as premisas de comodidade e frescura, é apto para os días máis calorosos e cómodo para diversas ocasións. Recoñezo que adoro as cores neón e que combinadas co estampado xeométrico non pasan desapercibidas!
 
Os conxuntos de dúas pezas son cómodos e facilitan estilismos doados porque non temos que pensar nas combinacións... nos adiantos da nova tempada veredes que no outono inverno tamén retoman a forza en diversas combinacións, saia e camisola, pantalón e camisa, vestido e chaqueta etc. Este conxunto está composto por un kimono e unha saia longa con aberturas, e o bo é que ambas as pezas poden ser utilizadas individualmente, de feito o quimono, prenda estrela do verán, xa o puxen en múltiples ocasións con vaqueiros para alegrar diversos estilismos. 
 
 
 
 
Canto ao calzado optei por unhas zapatillas básicas negras. A saia longa con zapatillas é unha combinación novidosa mais recoñezo que desde que as zapatillas saíron do roupeiro do ximnasio deron tal salto que xa se engaden a calquera tipo de estilismo! O certo é que a min gustoume moito  e máis cómoda non podía ir!
O bolso ten xa mil anos, é de Lollipops e merqueino nunha tenda en Compostela aló polos anos universitarios. Lollipops é unha marca francesa de calzado e complementos moi especiais e orixinais, se lle botades unha ollada á web de seguro que vos encanta.

Quimono de H&M
     Saia longa de H&M
Camisola negra básica de H&M
Bolso de Lollipops París
Zapatillas de American River
Colar de artesanía 

Esta semana comecei a ter algo máis de tempo libre, de aí que mesmo publicase un mércores... e en nada estarei de vacacións, que marabilla! A todos e todas as que xa estades descansade e desfrutade, e para min, que pase axiña esta semana!

Un bico moi grande e grazas por me ler!

Silvia

Publicacións populares