Conxunto de Kling

Xa vos teño falado en varias ocasións de Kling, unha marca que me encanta porque é superdivertida e orixinal e da que temos tenda física na Coruña, aínda que tamén xa hai anos que ten tenda en liña. As rebaixas, como vedes, deste verán deron para moito, basicamente porque o verán adoita comezar coa rebaixas por aquí e así que podemos tirar máis proveito da roupa.

Hoxe traio un conxunto de saia con tirantes mais camisola de Kling. A saia-peto é preciosa e perfecta, en tecido vaqueiro moi finiño e con estampado de corazóns... pode haber algo máis amoroso? Pois se lle engado unha camisola coa cara dun gatiño con paxarela, tamén da marca, coido que fica un conxunto moi orixinal e especial.













 
 
Saia de Kling
Camisola de Kling
Chaleque de Bershka
Mochila de Bershka
Zapatillas brancas de Merkal
Pendentes de Claire´s

Debido a que o principal era o conxunto da saia e mais a camisola, só lle engadín un chaleque porque son bastante frioleira. Este chaleque tipo americana xa mo vistes noutras ocasións e, a pesar do que podía pensar inicialmente, deille moitísimo uso neste verán galego! As zapatillas brancas e mais a mochila de coiro branca xa son uns absolutos básicos. Os pendentes, achéganlle máis un punto divertido ao ter forma de zorro e son de Claire´s, unha tenda de complementos que destaca polo seu colorido e orixinalidade.

Desculpade pola calidade das fotos mais co mal tempo destes días non hai quen saque unha ao xeito! hehe, e xa que parece que esta fin de semana vén o sol hai que facer plans... así que eu marcho uns días de descanso antes de retomar a normalidade laboral.

Un biquinho moi moi grande!

Silvia





Publicacións populares