Vaqueiro e prata, a combinación perfecta

Esta fin de semana decidín que era o momento de estrear os meus novos botíns de Asos que xa hai unhas semanas vistes aquí que me chegaran e que adoraba. Os botíns en prata son unhas desas compras de rebaixas que fixen con vistas ao outono, porque recoñezo que a estas alturas xa non merco prendas nin calzado de verán propiamente xa que o verán galego dura dous días e sempre lle vou tirar moito máis proveito a calquera compra que poida usar os restantes dez meses que aquí non é verán xD.

Cando días despois de que me chegasen os botíns vin esta minisaia por 5,99 en Pull&Bear coidei que ía ser unha combinación perfecta, quizais un chisco extravagante para algúns gustos mais tamén penso que debemos saír de cando en vez da zona de comfort e arriscar un pouco nos estilismos para que sexan máis divertidos, do contrario non me gustaría tanto a moda! O resultado salta á vista, non apto para calquera, mais a miña debilidade polas saias en prata xa sabedes que vén desde o inicio do blog, e cando algo che gusta non debes renunciar sexa tendencia ou non, do contrario renunciariamos á nosa identidade e ao que diferencia o noso estilo do dos e das demais, ou non?
Aínda que nun principio tiña pensado combinar a minisaia cunha camisola máis roqueira optei por unha camisa ampla e básica vaqueira e deixar a outra combinación para unha saída de noite, xa que con esta camisa céntrase o protagonismo na saia e nos botíns e non hai outras prendas que desvíen a atención. A camisa é un básico de Mango que tamén merquei con vistas ao outono e que ten un corte e unha caída excepcional que fica fenomenal e resulta moi cómoda e poñible.
Canto aos complementos engadinlle este colar de Mango e un bolso básico de Misako, aínda que teño que recoñecer que para os bolsos e mochilas son un tanto especial, tamén era hora de ter algún básico do que botar man cando o resto do estilismo é suficientemente importante para que os complementos non destaquen.
Camisa vaqueira de Mango
Minisaia en prata de Pull&Bear
Botíns de coiro en prata de Asos
Colar de Mango
Bolso marrón de Misako

Desde logo teño que dicir que adoro este estilismo, mesmo podería dicir que é un dos que máis me gustan dos publicados até agora mais recoñezo que é un chisco arriscado con tanta cor prata, aínda que da combinación co vaqueiro coido que resulta un estilismo actual e moderno. Vós que pensades? Arriscádesvos cos tons metalizados en calquera momento ou deixádelos só para ocasións máis especiais?

Ah! E desculpade pola calidade das fotos mais a luz xogou unha mala pasada e o fotógrafo aínda non ten controlado o traballo hehe.

Moitos biquinhos e moi boa semana! ;)

Silvia

Publicacións populares