Un chaleque, dous estilismos: día & noite

Ola! Hoxe tráiovos dous estilismos cun mesmo chaleque, o meu chaleque do verán!! O chaleque vaqueiro é unha das tendencias dos noventa que volveu e que me conquistou, non só pola súa versatilidade senón pola comodidade e as posibilidades de combinación infinitas. Hoxe tráiovos dous estilismos co mesmo chaleque, un informal para o día, ir á praia, en barco ou calquera tipo de aventura estival, e un outro máis formal para saír pola noite.


O primeiro deles está composto por básicos, coido que o único que destaca é o chaleque polo punto máis actual e mais a gorra de froitas exóticas, tendencia do verán 2015 en calquera tipo de complemento. O pantalón curto, camisola e mais zapatillas son básicos para calquera opción informal para o verán e simplemente adoito combinalos e non caer no exceso, por iso desta volta combinei as zapatillas coa camisola e optei porque o punto estampado só o tivese a gorra.

Camisola violeta básica de Decathlon
Vaqueiros curtos desgastados de Primark
Chaquete vaqueiro de Pull&Bear
Zapatillas lilas de American River
Gorra estampada de H&M Divided
Lentes de sol Ray-Ban Wayfarer

No segundo estilismo a peza principal é o mono curto e con flocos de H&M loves Coachella. Desde o momento que esta colección chegou ás tendas souben que me ía encantar e finalmente aló por maio merquei este mono con flocos, que tamén prometían ser outro hit da tempada, danlle un toque superdivertido e especial ao mono. O caso é que ata esta finde non tivera ocasión de estrealo porque coido que é máis adecuado para a noite ou ocasións máis formais e non adoito trasnoitar moito ultimamente. Coido que o chaleque de Pull&Bear desta volta e neste outfit rebaixa o ton do resto do conxunto e dálle un punto informal que vai máis comigo, por iso optei por engadilo.
Canto ao demais, as sandalias de plataforma de Vagabond xa case son un clásico para min, ao igual que este bolso que xa me vistes en mil ocasións de Bershka. Si que cómpre destacar o colar e mais os pendentes, que merquei na Feira das Marabillas da Coruña e que adoro! Ambos os dous son de Swaroski e a estrela do colar cambia de cor co sol e reloce dun xeito inimaxinable! Recoméndovos dar un paseo e atoparedes complementos de artesanía fantásticos!

 Mono de H&M loves Coachella
Chaleque vaqueiro de Pull&Bear
Sandalias negras de coiro de Vagabond
Bolso de Bershka
Colar e pendentes de artesanía
                                                      Lentes de sol Ray-Ban Clubmaster


Xa vedes como, en ocasións, unha mesma prenda pode ficar perfecta en estilismos ben diferentes, e que o chaleque é unha desas prendas versátiles que sempre teño a man! 

Mil grazas por seguir aí e polos vosos comentarios!

Bicos ben grandes!!












Publicacións populares