Tres básicos: branco, negro e vaqueiro

Moitas veces  teño dito que cos básicos pode ficar un estilismo perfecto e coido que o de hoxe é un bo exemplo deste principio. Todas temos no roupeiro uns pantalóns vaqueiros, unha camisola negra básica e unha sandalias negras. A chaqueta americana coido que tamén é un imprescinble que sube calquera estilismo a outro nivel, como é o caso, e así, con prendas básicas que usamos todos os días temos un conxunto ideal para saír de noite ou unha ocasión especial. 

  Varias das prendas deste conxunto xa saíron en diversas ocasións no blog, como é o caso destes vaqueiros desgastados de Zara e mais a camisola básica de H&M, mais, como vedes, ao lle engadir unha prenda con moita luz e que destaca por si mesma, como é a americana branca de Suiteblanco, fica un estilismo moi actual e cómodo perfecto para calquera ocasión.
Efectivamente non podía ficar sen un complemento estrela e que centrase toda a atención, e ese foi o bolso de Kling que merquei nos pasados días na tenda da Coruña e que xa forma parte dos meus favoritos. Por certo, se nunca fostes, recoméndovos esta marca especialmente nas rebaixas cun descontos moi bos en prendas super diferentes e especiais que levan o selo Kling dun xeito inigualable.
 
Estas sandalias de Vagabond son para min o calzado estrela do verán porque teñen tacón e plataforma e son super cómodas. Vagabond é unha marca sueca de calzado que adoro porque coido que os modelos son un chisco alternativos e cun punto punk. Este modelo en concreto xa o vira en Asos e Fashion Pills desde o inicio da tempada en dourado mais tendo en conta que o prezo é algo privativo preferín investir no modelo en negro porque ía combinar con todo... e así foi, póñoas día si, día tamén.
Canto aos demais complementos optei por algo sinxelo e que non destacase moito, toda vez que a chaqueta e o bolso centran a atención e decidínme por un colar con cadea fina en dourado de Bijou Brigitte e un cinto branco entrenzado de Primark que destaca sobre o pantalón vaqueiro.
Chaqueta americana branca de Suiteblanco
Pantalóns vaqueiros de Zara
Camisola negra de H&M
Sandalias negras de Vagabond
Bolso de cómic de Kling
Colar dourado de Bijou Brigitte
Cinto branco de Primark

 Hoxe con tres básicos temos un conxunto adecuado tanto como para unha ocasión especial como para o día a día, o que demostra que, de cando en vez, tampouco hai que lle dar tantas voltas aos miolos pensando os estilismos cando o básico e sinxelo é, en ocasións, perfecto.

Un bico moi moi grande!

Silvia

Publicacións populares