Mono setenteiro de flores

Os monos veñen pegando moi forte neste verán, ao igual que as tendencias dos anos setenta e a cor granate (ou burgundy), así que este mono de flores coido que é perfecto para este verán 2015. O certo é que é da colección de outono-inverno de Pull & Bear e merqueino nas últimas rebaixas de inverno por 5,99 euros pensando xa no verán, e cada vez teño máis claro que foi unha moi boa compra. Moitas veces xa comentei que as últimas rebaixas de cada tempada son a ocasión perfecta para mercar prendas a moi bo prezo que son adecuadas para a seguinte estación e esta prenda é un claro exemplo desta filosofía.




 

Obviamente cunha peza chave tan potente hai que ser moi cautelosas cos complementos para non caer no exceso, así que optei por combinar o granate do bolso e do top co beis da chaqueta, o colar e mais as sandalias.

A chaqueta de punto é un básico total de H&M, é cómoda, práctica e moi combinable, recoméndovos, coma sempre, investir en básicos que sempre solucionan calquera estilismo a última hora.
Xa que o mono é dabondo escotado e, particularmente, non me gustan moito as prendas escotadas, ademais de que realmente en Galiza non adoita ir tanta calor, engadinlle un top na mesma cor tamén de H&M, certo é que esta prenda ficaría moito máis espectacular sen nada por baixo mais é superior a min... o frío pode comigo! xD
 
Canto aos complementos optei por un bolso que ten moitísimos anos xa, con forma de beizos e de Bershka e mais unhas sandalias beis cun toque étnico e pedriñas que merquei nas rebaixas de Merkal.
 Mono de Pull & Bear
Top de H & M
Colar de H & M
Chaqueta de H & M
Bolso de Bershka
Sandalias de Merkal

Este tipo de monos son super fresquiños para o verán e son unha prenda fácil de pór e combinar posto que con calquera complemento monocor ficará un estilismo especial e divertido porque a prenda principal xa de por si soa o é. Os setenta son unha década que moitas adoramos e polo que vemos seguirá nas vindeiras coleccións así que non dubidedes en investir en prendas que nos devolven a aqueles marabillosos anos porque serán unha aposta segura.

As e os que estades de vacacións pasádeo moi ben... as que coma min seguimos traballando moito ánimo para o inicio desta semana.

Un bico grande!

Silvia


Publicacións populares