Un colar especial

Hai colares que namoran... iso pasoume con este de Chocolat, unha pequena tenda betanceira situada na  Porta da Vila. Xa vos falara desta tenda noutra ocasión, e ensineivos un chaleque ideal que repito neste estilismo de hoxe. Pois ben, todos os días paso por diante dela para ir ao traballo e sabía que non me ía resistir mais tiven a sorte de que mo regalaran e por iso agora non só o adoro senón que é un colar especial.



Quizais é tan sinxelo que haxa quen non se fixaría nel mais a min gústame pola súa versatilidade e facilidade para combinar, ademais, as cores terra lembrade que están de volta e un ton como este cando nos poñamos morenas aínda fica moito mellor!

O estilismo que vos traio hoxe é cómodísimo e máis sinxelo do que parece, de feito, é dun día de traballo e as fotos son case da noitiña logo de todo un día de aquí para aló!
 
 O fondo negro fai que o colar detaque e, como vedes, combino varias tendencias, por unha banda as zapatillas deportivas imprescindibles nas xornadas laborais mais tamén por outra banda levo unha saia de coiro e mais un chaleque, prenda imprescindible desde o verán pasado no meu roupeiro, este, en concreto, ten un punto étnico que coido que fica moi ben co colar.
As zapatillas retro son as de Mustang que xa me vistes en mil ocasións! Mais é que ao ter cores tan neutras, fican ben con todo e combinan á perfección!

 As lentes de pasta de madeira son do meu mozo, non o vou negar, de cando en vez collo emprestado algo, e desta volta fíxenme con estas lentes que mercou o ano pasado en El Corte Inglés.
Aquí tendes o chaleque de Chocolat en detalle... é precioso ou non? Ademais coido que nunca pasará de moda porque é o que pasa con prendas tan especiais.

Colar étnico de Chocolat
Chaleque étnico de Chocolat
Camisola negra de punto de H&M
Saia negra de coiro de H&M
Zapatillas deportivas de Mustang
Lentes de sol de El Corte Inglés

 Agardo que vos gustase este estilismo casual e cómodo. A min encantoume... e seguro que hei de repetir! A combinación de saia e zapatillas é do máis xuvenil e tendencia total... así que hai que aproveitar!

Moitos biquiños e a desfrutar da finde de sol!!!!!

Silvia

Publicacións populares