Peto vaqueiro + chaleque formal

Ola! Hoxe tráiovos un estilismo que a primeira vista ten como peza chave unha prenda informal mais que grazas ao chaleque tipo americana convértese en perfecto para usar o peto vaqueiro máis aló da praia! Como vedes combinei un peto vaqueiro desgastado e rachado cunha americana en azul mariño sen mangas que é tendencia total nesta primavera- verán.





 A idea era pór unha das miñas prendas favoritas desde o verán pasado, o peto vaqueiro, mais combinándoa dun xeito máis formal e para iso decidín que había dúas prendas imprescindibles das que debía botar man: unha camisa e mais o chaleque tipo americana.




 Adoro este peto rachado e desgastado de Primark, para min vai ser un básico total do verán basicamente porque me encantan todas as tendencias rescatadas dos 90 e é que me lembran á adolescencia! ;P. Combineino cunha camisa en azul bebé con mensaxe que merquei nas rebaixas de Bershka por cinco euros! O certo é que a camisa é das curtiñas que non me van moito para pór só cun vaqueiro mais con este peto coidei que ficaba perfecta e dáballe ese punto formal que lle facía falla.


 As zapatillas son as Vans que me vistes no anterior estilismo e que alegran calquera look co seu estampado que é tendencia absoluta neste verán, as raias!
Chaleque azul mariño de Bershka
Peto vaqueiro rachado e desgastado de Primark
Camisa con mensaxe de Bershka
Zapatillas de raias de Vans
Lentes de sol de Charly Therapy
Canto ás fotos repetín no meu querido porto betanceiro, un dos lugares preferidos da miña vila natal! E que mellor, ademais, para un estilismo tan adecuado para o verán, que parece que por fin chegou!

E vós? Rendédesvos á tendencia dos petos vaqueiros ou considerades que é máis propia de adolescentes? Como vedes eu non o dubido! Agardo que vos gustase o estilismo.

Un bico moi moi grande e grazas por seguirdes aí!

Silvia

Publicacións populares