Estilismo imprescindible para o verán por 20 euros

Recoñezo que o estilismo do meu día a día no tempo de lecer no verán está composto por camisola + pantalóns vaqueiros curtos + zapatillas + mochila. Con estes básicos vou de excursión, a pasear, á praia ou de paseo en barco... o que sexa! O máis "complicado" deste estilismo é atopar un pantalón curto que fique minimanente decente porque o certo é que as tendas están ateigadas de prendas que nos queren facer ver que son pantalóns curtos mais na realidade coido que non chegan a tal é non moi apropiado levalos se non es adolescente, tamén recoñezo que tampouco me gustan os que chegan até os xeonllos porque os vexo demasiado clásicos e propios doutras idades; por iso cada verán atopar un pantalón curto cómodo, que non sexa cinguido, que teña un longo adecuado e que me convenza convértese nun traballo.


Finalmente nesta primavera xa me fixen con dous, un deles de Zara e estoutro de Primark. Por moi incrible que pareza xa hai varios anos que merco vaqueiros en Primark e gústame moito a calidade, especialmente en casos coma este que son de tea vaqueira non elástica, que é como máis me gustan a min. O sorprendente é que merquei estes por 11 euros e os de Zara, que son practicamente iguais mais nun tecido máis fino, e que, por tanto, non fican tan ben coma estes, foron de 24,95 euros! O certo é que estes me gustan moito e de seguro que van formar parte do meu "uniforme" das excursións estivais.



Como vedes o estilismo non ten nada de especial mais para min o ten todo porque é cómodo, práctico, básico, actual e todoterreo. No verán prefiro os pantalóns que as saias curtas porque teño moita máis liberdade de movemento en calquera momento sen estar pendente de nada. Ademais, adoito saír en barco moito e para amarrar, desamarrar, fondear e manobrar hai que levar prendas do máis cómodas!


A camisola, que xa me vistes, é das rebaixas de Pull & Bear e custoume 2,99 euros! Gústame moito pola manga porque perdín moitos quilos e teño moitos que tonificar os brazos, por iso, mentres tanto, adoito levar mangas un chisco máis longas e que disimulan esas parte dos brazos que menos me gusta.


Canto ás zapatillas de lona son de Merkal e custáronme 6 euros,e en branco actualízanse porque como xa vos teño dito é a cor de tendencia, especialmente nas zapatillas!

Camisola de Pull&Bear
Pantalóns curtos con rachaduras de Primark
Zapatillas de lona brancas de Merkal
Lentes de sol de Multiópticas

Pois aí tendes un estilismo totalmente imprescindible para esta primaver-verán por 20 euros! Se sodes coma min, excursionistas nos días de sol, concordaredes en que precisamos estilismos cómodos e actuais... porque nunca sabemos onde rematará o día!

Moitos biquiños e moi boa semana!

Silvia