Chaqueta longa étnica

A chaqueta é a peza chave deste estilismo, posto que reúne nunha soa prenda varias tendencias, o estampado étnico, a chaqueta longa e mais os flocos que con tanta forza veñen para esta primavera. O certo é que non buscaba unha prenda deste estilo mais as rebaixas de media tempada foron unha tentación demasiado grande, dei con esta en Pull&Bear e decidín que era hora de ter unha chaqueta extragrande e ben cómoda!


Esta é unha tendencia tan arriscada que non é para calquera gusto, mais coido que combinándoa con cores lisas pode resultar un estilismo ben divertido e orixinal.


 O pano, como vos teño dito, é un imprescindible no inverno galego, e como non tiña moi claro cal escoller optei por este de Zara de nova tempada a xogo cun vello colar, tamén vermello, que xa  ten tantos anos que nin lembro de onde é!


Unha chaqueta así requiría un básico en negro, e optei polo vestido de punto de C&A que xa me vistes noutras moitas ocasións.


Tamén rescatei do zapateiro estas botas mosqueteiras de H&M para complementar o estilismo monocromático e que destacase aínda máis a chaqueta, que vos parece?


Chaqueta longa, Pull&Bear
Vestido negro de punto, C&A
Bolso, G3Women
Pano vermello, Zara
Botas, H&M

As rebaixas de media tempada hai anos eran algo completamente descoñecido para nós mais na actualidade cada vez máis tendas se suman a ofrecer descontos no mes de abril que van mesmo até o 50% nalgúns casos. Outras tendas estranxeiras como Asos, River Island ou Tospshop xa están en plenas rebaixas e son unha moi boa oportunidade para mercarmos roupa de verán antes mesmo que chegue o bo tempo! Así que xa sabedes... aproveitade!

E volvendo ao tema... que vos pareceu esta chaqueta con estampado étnico? Quizais demasiado arriscada? A min o resultado final gustoume mais o certo é que tampouco vexo moi doadas máis combinacións... se se vos ocorren, acepto consellos!

Bicos grandes e boa semana!!!!

Silvia