Americana de raias

Ola! Como vai ese inicio da primavera? Eu sigo con estilismos ben primaverais aínda que, por veces, aínda vaia bastante frío, mais é hora de tirar os abrigos e aventurarnos con prendas máis lixeiras... ou non?
 

Hoxe apostei por unha chaqueta de raias, tendo en conta que combinala é doado, porque o resto das prendas son básicas, optei por non lle restar protagonismo a esta americana. Cando levas unha peza tan potente cómpre non lle restar protagonismo nin co resto das prendas nin cos complementos, así que é máis doado construír o estilismo baseándote nela e buscar logo o resto das pezas, como fixen desta volta.
A chaqueta é de Mango e merqueina no outlet de The Style Outlets da Coruña, sitio que, como vos dixen en múltiples ocasións, recomendo visitar especialmente os últimos xoves de cada mes, onde ás veces atopas xoias como esta prenda a moi bo prezo!
 

Como vedes, combinei a chaqueta cun pantalón branco básico, neste caso de H&M. O certo é que á a primeira vez que merco un pantalón branco, porque durante anos o meu armario estivo principalmente composto por cores escuras mais esta primavera decidín que chegou a hora de decantarme por cores máis propias da tempada estival! Iso si, este é de tea propiamente vaqueira e un chisco máis gorda, o que é máis recomendable se non queredes que marque tanto, que é o perigo que teñen os pantalóns desta cor; polo demais, é recomendabilísimo e total tendencia para esta tempada!


A camisola é unha básica negra de H&M, un chisco longa por detrás, porque sabedes que as prendas moi curtas non me gustan especialmente e como complemento optei por levar un simplemente, neste caso un maxicolar que hai anos merquei en Claire´s en distintos tons de prata e que é ben difícil combinar mais coidei que desta volta ficaba ben... que pensades? ;)

As zapatillas son as de Mustang que xa me vistes no anterior estilismo e o bolso é de de ante azul, da tenda Imperio Clandestino, e xa saíu nalgunha outra ocasión.


Esta combinación é apta para calquera día, tanto para ir traballar como para unha fin de semana de paseo, é cómoda, actual e básica... agardo que vos gustase!

Un bico moi grande e boa semana!!!

Silvia

Publicacións populares