Woodstock e Dr. Martins sempre volven

Woodstock ou Emilio é un dos personaxes que Charles Schulz creou para a tira cómica Charlie Brown e Snoopy e é un dos mellores amigos de Snoopy. Cando vin este suadoiro en Asos a comezos da tempada souben que non me ía resistir... porque Snoopy é un deses clásicos que nunca pasa de moda... ou non?

Se a un debuxo animado clásico lle sumamos unhas cores ben chamativas temos unha prenda de total tendencia. Como sabedes os suadoiros volveron coa forza dos anos noventa e mesmo combinados, coma nesta ocasión, con saias e vestidos fican perfectos para un estilismo casual.

Tamén, e xa que o día se presentaba bastante chuvioso decidín combinalo cunhas botas Dr. Martins lilas de charol que teño desde hai uns anos mais que nunca pasan de moda, lembro que teño botas desta marca desde a adolescencia e son xa un clásico atemporal.

Ao xogarmos con tantas cores diferentes optei por simplemente pór un vestido negro básico de C&A para non lle restar protagonismo á prenda principal que era o suadoiro.

Hoxe, como vedes, o artigo é un chisco diferente mais é que o meu computador decidiu que non quería vivir máis e editeino desde o móbil, a ver se nos vindeiros días soluciono o problema e volvo á normalidade, que xa non sabemos nin vivir sen estes trebellos! 
 
Agardo que vos gustase a combinación de Emilio e as Martins ;) ;).
Moirítimos bicos e que teñades un bo inicio de semanaa!!!!! 
Silvia


Publicacións populares