Primeiros días de praia

Esta finde comezou o bo tempo e non o pensei nin un chisco e marchei para a praia! O certo é que cando aínda non vai moita calor vou até calas da zona de Cabanas e Redes que están moi recollidiñas e non vai vento ningún, alí podes tomar o sol mesmo antes da primavera porque a temperatura é realmente boa e no verán se o que vos gustan son as praias pouco masificadas estas son as vosas!

Os primeiros días que vou á praia non sei ben que pór porque é complicado, se te metes na noite vai refrescar así que hai que ir preparada para todo! Desta volta recorrín aos pantalóns curtos que xa me vistes noutra ocasión mais con medias, son de Lefties.
 



A camisola negra de manga curta é un básico do verán, eu teño moitas iguais e este modelo tipo baseball de Asos gústame especialmente.


Canto ás lentes son de veludo vermello e merqueinas en Topshop, aínda que recoñezo que pola cor que teñen adoito poñelas máis con estilismos de verán, como xa virades aquí, de aí que non mas vexades en moitas ocasións.


 A mochila dourada tamén é de Asos e a pobre está velliña de todo... mais non vos pasa que hai cousas que canto máis vellas máis vos gustan... a min desde logo!

 
A peza chave do estilismo é, sen dúbida, a camisa estampada de H&M que é da nova tempada e paréceme super cómoda e adecuada especialmente para aqueles días en que vou máis informal e preciso, se refresca, ter algunha prenda que non sexa tan lixeira como as que adoitamos pór na primavera.


Canto ás botas de Tex-Mex, miñas pobres, están perto da xubilación xD, mais tal e como me pasa coa mochila ao ser velliñas parece que dá menos reparo levalas á praia, e o certo, para que negalo... o tempo das sandalias aínda non chegou!!!!


Un outro detalle é este colar de Lotus que merquei en Santiago e que me gusta moito, non obviamente pola simboloxía, mais o certo é que a cor e os materiais parécenme ideais.


E até aquí por hoxe! Que vos parece o meu estilismo para os primeiros días de praia? Combino botas, pantalóns curtos e mochila, tres básicos, só preciso outra cousa... o sol!

Moitos biquiños e boa finde!!!!!!!!!

Silvia