Branco & negro con vaqueiros


Se a combinación de branco e negro é sempre gañadora se lle sumamos un vaqueiro básico imos atinar de cheo nun estilismo casual e informal ideal para as fins de semana. Xa había un tempo que non poñía a chaqueta de peluxe de H&M mais parece que a primavera, moi aos poucos, vai chegando e permita deixar os abrigos e plumíferos a un lado.


Esta fin de semana fun até Ferreira do Valadouro e de camiño parei en Ortigueira, que é a que vedes ao fondo, e, por certo, xantei no restaurante do Club Náutico que é altamente recomendable, encantoume! Mais imos ao que imos, o que máis me gustaba deste estilismo é a camisa branca sen mangas que merquei no outlet de Mango e que usarei, de seguro, todo o verán, a modo de chaleque. Lembrade que o branco é unha cor de moda, porque os básicos volveron para facernos entender que, ás veces, podes atinar no estilismo sen botar man de estampados estridentes e utilizando básicos como unha camisa, camisola ou zapatillas brancas.

 
Desta volta optei por engadirlle un toque de cor e puxen unha camisola de Vespa que merquei en Barcelona, mais, a dicir a verdade, xa nin lembro o nome da tenda! O resto do estilismo, como vedes, é ben sinxelo, uns vaqueiros desgastados de Zara e os zapatos tipo oxford de Truffle que merquei en Asos.



 As lentes de sol redondas e con cristal de espello son de Multiópticas. O certo é que as lentes redondas de estilo hippie volven estar de moda, e aínda que ao principio non me convencían, agora xa ando na busca das da nova tempada!
 

 

 


O reloxo, tamén branco, é de Flamenco, e aínda que eu non son moito de reloxos, desta volta optei por este complemento a xogo coa camisa.

 O bolso xa mo coñecedes ben, mais como sabedes tamén xa, é que me encantan os bolsos realistas e este xa ocupa un lugar especial no meu roupeiro, é da marca Kling.


Por certo... as trenzas volven especialmente para a primavera-verán, o certo é que son un peinado ideal para levar recollido o pelo de xeito informal, así que... animádevos!


Que marabilla poder facer fotos con sol! E con eses escenarios... co que me gustan a min os barquiños, que son unha das miñas paixóns, especialmente se falamos da Ría de Betanzos... a ver se nos vemos no verán por alí!

Bicos grandes!

Silvia

Publicacións populares