Xa están aquí... as rebaixas!

Hai tendas que levan xa un tempo con rebaixas e desde hai unhas semanas case todas as tendas en liña estranxeiras ofrecen grandes descontos, como Asos, Missguided, New Look, River Island, Topshop ou Forever 21 entre outras moitas. Nestes días fóronse sumando algunhas outras que temos a un pasiño, na Coruña, e puidemos atopar bos descontos en Mango, Cortefiel, Okeysi, Suiteblanco ou H&M. Nas rebaixas, a non ser que teña a necesidade dunha prenda específica, sempre adoito mercar prendas e calzado que poida levar na primavera e que estean dentro das tendencias da nova tempada, a maiores, como é inevitable, en moitas ocasións, vou ás rebaixas e acabo mercando prendas de nova tempada, mais recoñezo que todo está pensado para que fagamos iso, non habería outra explicación para que sempre caiamos no mesmo... mais que lle imos facer!

Habitualmente non agardo a mercar en rebaixas algo que me encante, basicamente porque non adoito atopar a talla, mais si que deixo para ese momento esas outras prendas e complementos que me gustan mais teñen un prezo un chisco elevado e van ficando nun segundo lugar! E, por suposto, a estas alturas xa teño a listaxe do que quero para estas rebaixas... a ver se o atopo todo! Nestes días xa aproveitei e co comezo de ano achegueime até algunhas das miñas tendas favoritas e fixen as primeiras compras... xa me diredes que vos parecen!



A carteira con deseño de gato é de New Look e merqueino en Asos por 9,29 euros, antes custaba 14,27 euros.


Os botíns, que xa os vistes, foron outro choio de Asos, son de coiro, o modelo Chelsea Every Cloud e antes custaban 78,57 euros, nas rebaixas custáronme 38,57 euros.
Xersei negro de Okeysi, antes 22,95 e custoume 16,95 euros.


O vestido! Este vestido tipo suadoiro Smill & Chill de Asos encantoume desde o principio da tempada mais recoñezo que para mercar prendas en liña ás veces doulle voltas de máis, así que agardei ás rebaixas e merqueino en Asos por 12,86 euros cando antes custaba 45,72 euros. Polo que vin xa está esgotado.


Estes pantalóns curtos son unhas desas compras que xa fixen cara ao verán, custaban 17,99 euros e merqueinos a metade de prezo... que coido que non está mal tendo en conta que nas próximas semanas comezarán a pór nas tendas pantalóns curtos mais como de nova tempada, é de C&A.


A blusa estampada na miña cor favorita é de Suiteblanco e merqueina por 7,99 euros cando antes era de 19,99 euros, tamén botarei man dela na primavera, por iso me pareceu outra compra atinada.

Básicos. Sempre nas rebiaxas merco algún que outro básico e desta volta optei pola camiseta de H&M que era de 17,95 euros e ficaba en 10 euros e mais un vestido negro básico de C&A que estaba a metade de prezo e puiden mercar por 7 euros.


E finalmente... a historia destas zapatillas vén de lonxe, tiven unhas iguais hai tres anos que mercara en Fosco, unha zapataría da Rúa Real, por 69 euros, acabei por tiralas porque de tanto poñelas non daban para máis e o outro día atopei as mesmas en Merkal, e só quedaba o meu número e efectivamente eran da mesma marca, André Mademoiselle, por 15 euros! Non o podía crer e xa que tanto me gustaran e tanto as usara decidín repetir compra hehe, e viñeron comigo para a casa! ;P.

E até aquí as miñas compras de rebaixas... polo momento. Agora agardarei a ver as tendencias da primavera-verán e nas últimas rebaixas achegareime para mercar cousas que me sirvan xa para a nova tempada ;P. E vós... xa fostes ou agardades a despois de Reis? Como vedes cada vez se adiantan máis e hai que aproveitar!

Moitos bicos e boa fin de semana!

Silvia

Publicacións populares