Plumífero con carapucha, ese imprescindible no inverno galego

As baixas temperaturas chegaron ao límite en moitos puntos da xeografía galega nos pasados días, por iso, o plumífero é un imprescindible neste duro inverno que non pode faltar no noso armario. O certo é que a comezos de inverno mercara un plumas básico negro en Zara mais con estas temperaturas non me puiden resistir a mercar un outro xa cun bo desconto, e como a idea era ter un de cor clara atopei este de Antthea en gris perla a metade de prezo e non o pensei, é moi cómodo e abrigosiño.





O pelo converteuse nun imprescindible de abrigos e plumíferos e as carapuchas con pelo, coma esta, ateigaron as tendas e as rúas da man de prendas deportivas e versátiles durante estes meses. O plumífero pasou de ser unha prenda deportiva a combinarse en estilismos máis formais como prenda estrela deste outono-inverno.


O certo é que a carapucha é moi útil porque se es coma min, das que se aventura a andar sen paraugas... sempre che vai sacar dun apuro!



Outro detalle que me encantou foi o da cintura, que axuda a marcala e facela máis fina, que nunca vén de máis, hai que lembrar que as prendas claras, como este plumas, sempre fan que pareza que tes máis volume fronte ás máis escuras, máis atinadas se o que queres é disimular eses quilos de máis.


A idea deste estilismo era a comodidade para camiñar pola cidade, de aí que as deportivas e o resto das prendas vaian acordes co plumífero e non destaquen, porque co frío que vai souben que era imprescindible para eses paseos interminables, e máis se son á beira do mar, pór unha prenda de abrigo e ben quentiña.


O pano é máis que necesario, especialmente para os lugares interiores con aire acondicionado, de aí que non me puidese faltar nesta ocasión e botase man deste branco de Zara que combinei noutros estilismos


Decidín que era a hora de estrear o vestido de C&A que merquei nas rebaixas e que tan só me custou 7 euros! Son desas persoas ás que lles resulta máis cómodo o vestido que os pantalóns, e nesta ocasión que o decidín pór coas Vans con estampado de tigre puiden andar toda a tarde sen problema ningún!



Os estilismos que combinan vestido + zapatillas recoñezo que son dos meus favoritos, é verdade que aquí non se levaban até hai pouco mais nas grandes cidades é moito máis común porque é moito máis cómodo para andar ás présas de aquí para aló que os tacóns.



Como vedes o vestido non ten nada especial, é un vestido negro de punto, mais iso, precisamente foi o que o fixo unha moi boa compra nas rebaixas, porque sempre o vas poder combinar con calquera cor e outras prendas e complementos estampados e ficará perfecto.




A mochila é a tan socorrida de Fashion Pills, mais xa que vai un pouco velliña optei por lle engadir algunhas chapas de colleita propia como a de Castelao ou a cara sorrinte.


Decidín engadirlle dous colares porque vía o vestido demasiado sinxelo e optei por estes que merquei nas rebaixas de verán en Bijou Brigitte e que me parecen super divertidos.


Canto ás zapatillas deportivas, xa saíron nalgún estilismo anterior mais as zapatillas Vans son un clásico que nunca pasa de moda, estas teñen plataforma, por iso me gustaran aínda máis.



Este é un deses estilismos que coido que me define, é certo que moitas veces visto máis formal, mais o que verdadeiramente me gusta é camiñar e descubrir sitios e para iso non poden faltar as zapatillas... non si?


Plumífero de Antthea (antes 99,95 euros, agora 49,95 euros)
Vestido de C&A (xa saíu aquí)
Pano de Zara (xa saíu aquí)
Zapatillas Vans (xa saíron aquí)
Colares de Bijou Brigitte (10 euros)

E a vos... que vos pareceu? De seguro que tendes tamén un estilismo perfecto para facer o que máis vos gusta e botades man del para eses plans perfectos.

Desfrutade do que queda de fin de semana... e bicos grandísimos! ;)

 Silvia