Paseos por lugares marabillosos

Ola! Como vai todo? Nótase que a volta ao traballo non deixa tanto tempo para volver por aquí hehe, que esta semana non deu moito tempo a actualizar! Mais hoxe tráiovos un estilismo do que eu adoito tirar moito cando vou de paseo, especialmente no verán, mais desta volta adaptado ao inverno.



Considéronme afortunada por vivir ao lado da praia, e non ao lado de calquera, perto de Betanzos temos as praias de Miño, Gandarío, O Pedrido ou Perbes... menudo nivel! En verán paso as fins de semana nelas mais do outro lado e quizais tiro máis cara a Redes porque é un lugar ben fermoso para fondear cando vas en barco; non obstante, tamén no inverno desfruto da praia porque me gusta moito ir pasear, máis neste caso, porque o certo é que non me gustan moito as praias máis "urbanas", é dicir, as das cidades, que están a pé de rúa, as que adoro eu son as que están un chisco máis afastadas da civilización, non sei se a vós vos pasa o mesmo ;P. É cuestión de gustos!


Para ir á praia de inverno nun destes días que na Galiza temos a sorte de que aparece o soliño coido que hai varios imprenscindibles. En primeiro lugar o importante é ir cómoda e abrigada, porque menudo frío! Así o mellor é unha parka! Decidín que era a ocasión de estrear outra das miñas compras de rebaixas e optei por esta parka verde caqui de Zara que me pareceu un bo investimento porque de seguro que lle vou dar uso toda a primavera... ademais, e xa que din que este ton vai ser un dos que vén con forza para a primavera... pois moito mellor!

                 

Como vedes, tampouco ten nada especial mais si que é unha prenda básica que non pode faltar no noso roupeiro para as aventuras!


Outro imprescindible, son os lentes de sol, estes son os de Ray-Ban que tanto me vistes, mais o certo é cando mercas un bos lentes de sol son tan cómodos e prácticos que é difícil non recorrer a eles unha e outra vez!


Un pano ben grande e gordecho, este é de lá, merqueino o ano pasado en Zara e sempre que levo unha chaqueta un chisco máis fina combínoa cun pano ben gordo, que ir ben abrigadiña é importante tamén! Quizais aos ser estampado é algo máis difícil de combinar, por iso decidín levar o resto das prendas en cores máis neutras para lle dar protagonismo ao pano.


Decidín que para ir máis cómoda ía levar pantalóns curtos, estes son de Lefties e xa de nova tempada iso si, vaqueiro escuro e cunha volta no baixo. O certo é que no verán ando sempre en pantalóns curtos para trotar dun lado para outro, así que decidín poñer uns e simplemente engadíndolle as medias xa teño un estilismo ben cómodo para o inverno.


A mochila, que vos podo dicir xa dela? Que as mochilas me acompañan aló onde vaia (esta de Asos máis que ningunha outra) mais que se imos de paseo paréceme unha opción aínda máis axeitada para gardarmos a merenda nela hehe, ou mesmo gardar todo aquilo que vaia sobrando se o sol aperta de máis, como o pano, a chaqueta... nunca se sabe con este tempo tan tolo!


E finalmente... non habería estilismo de inverno sen botas! Hai que levar unhas ben cómodas se imos de paseo, así que non o pensei e collín estas de Tex-Mex que son unhas das máis cómodas que nunca tiven!


 

Déixovos tamén unha foto unha foto do solpor para que vexades que o noso non lle envexa nada a outros tan famosos dos que se fala no estranxeiro!


Agora, xa sabedes, a tirar de estilismos ben cómodos e estilosos para percorremos o país! Hai tanto por ver!

Que teñades unha boa fin de semana e bicos grandes!!!!!!!!!!!!!

Silvia