O bolso de Kling


O meu gusto polos bolsos orixinais vén de moi lonxe, quen me coñece ben o sabe, e aínda que é verdade que nos últimos anos xa non centro tanto os estilismos nos complementos desde a adolescencia sempre adorei calquera bolso ou mochila que fose orixinal e divertido, é máis, tantos anos despois conservo moitos deles a pesar de que non sempre atopo a ocasión para levalos porque como se di por aquí "os anos non pasan de balde" e como todo, hai gustos que tamén cambian. Para alén de todo isto, tal e como xa vos contei, este ano son tendencia os bolsos realistas e Kling foi unha das marcas que decidiu facer adaptacións dos bolsos que se viron na pasarela da man de Moschino e Charlotte Olympia e desde o primeiro momento que vin este bolso tan orixinal souben que non me ía poder resistir, iso si, esgotouse varias veces na web e tiven que agardar por el máis do esperado, aínda así pagou a pena.



O resto do estilismo foi pensado tendo en conta o complemento, e é que moitas veces o normal é pensarmos queremos pór uns zapatos, bolso ou abrigo e en función diso pensamos todo o demais, pois desta volta xoguei coas cores do bolso e aproveitei para estrear un xersei branco de Okeysi, unha tenda nova do Marineda City que ten cousas xeitosas e a bo prezo. Por baixo do xersei e dándolle un estilo moi propio de cando ía á escola co uniforme hehe, engadín a camisa de corazonciños vermellos de Primark que xa me vistes noutras ocasións e que me encanta aínda que xa me vaia indo un chisco grande.

                                   



Os pantalóns vaqueiros son un básico do que tiro continuamente, estes son de H&M e son super cómodos, ademais recoñezo que me encanta darlles unha volta por baixo para que se vexan máis os zapatos, os tipo oxford de charol que me veñen fenomenal para os días de choiva! Que aquí o da auga é un non parar! ;P


E como non... para finalizar o estilismo un clásico galego: O CHUVASQUEIRO! Que iamos facer sen el e canto partido lle tiramos! Como vedes combinou á perfección co meu novo bolso así que botei man deste que mercara ao inicio da tempada en Pull&Bear e que, sen dúbida, non pasa desapercibido!



 Bolso de Kling (49,90 euros)
Chuvasqueiro vermello de Pull&Bear (xa saíu aquí)
Xersei branco de Okeysi (22,99 euros)
Camisa de corazonziños vermellos de Primark (xa saíu aquí)
Pantalóns vaqueiros de H&M (19,95 euros)
Zapatos oxford de Truffle (xa saíron aquí, aquí e aquí)

Gustouvos o meu novo bolso? E a vós... gústanvos os bolsos orixinais e realistas ou máis ben discretos? Desde logo, se por min fose tería bolsos de todas as formas e cores hehe, é un vicio!

Bicos grandes e a iniciar a semana con forza que as vacacións xa están aí!!!

Silvia