Agasallos de Nadal que namoran

E chegou o Nadal! Esa época tan querida por uns e odiada por outras (coma min), mais independentemente de todo o demais... a quen non lle agrada un agasallo? Así que... benvidos sexan! Este ano debinme portar ben porque o Apalpador lembrouse de min e atinou de cheo nos agasallos!! Hoxe ensínovos un deles, un bolso que a partir de agora encabezará a lista dos favoritos e ao que lle tirarei un bo proveito de seguro, tamén tiven a sorte de que me deixase unha maleta nova, que xa boa falta me ía facendo e mais unha cámara de fotos, tamén para as lembranzas das viaxes... e xa me fixo pensar na próxima!


Estes días recoñezo que son un pouco ao contrario que o resto da xente, xa que hai tantos xantares, ceas interminables e visitas familiares eu opto pola comodidade e polos básicos. Tal e como podedes ver neste estilismo domina o negro, non sei se o meu subconsciente me anima a vestir así nestas datas ou que simplemente a miña verdadeira esencia sempre foi un estilo un chisco roqueiro desde a adolescencia. Para o caso tanto ten, eu síntome moi cómoda cuns vaqueiros negros e mais as miñas Ray Ban grises de espello, aínda que recoñezo que desta volta o bolso tamén tomou un protagonismo indiscutible que me obrigou a pór a cazadora tipo biker que xa me vistes noutras ocasións.



Aínda que non son moito de pendentes longos estes de Primark encántame e desde que os merquei o ano pasado non parei de poñelos, iso si, recoñezo que cun chisco de remordemento de conciencia por identificalos coas cruces católicas,  ao ser eu declaradamente atea, e mesmo quen me coñece sábeo, que son así e non hai que lle facer, mais de cando en vez, e neste caso sendo tendencia, recoñezo que caín nas gadoupas da moda ;P.





Adoro as camisas desde hai moitos anos, son unha prenda que nunca falta no meu roupeiro, e se son vaqueiras mellor que mellor! Esta camisa vaqueira ten pequenas flores granates e merqueina hai pouco en Sprinfield, gustoume a súa simplicidade, non ten nada especial mais viste con calquera prenda.







Xa que o bolso era de imitación de pel engadinlle a biker de H&M tamén negra que cada día me gusta máis e tamén parece máis cómoda, especialmente para eses días que non refresca tanto e o sol fai unha milagreira aparición.



E que máis podo dicir? Que este bolso é unha pasada e que... non é propiamente un bolso hehe. Resulta que é unha funda de pandeireta que eu xa vira había unhas semanas en Musical Betanzos, e comentáralle a meu irmán que me encantaba mais que non tiña claro se mercalo porque realmente non era un bolso, e apareceu con el o día 24 e non me puido gustar máis e non pode sentar mellor! Ademais, a forma faino super orixinal e a mensaxe... moi especial! Nesta tenda de música betanceira teñen moitas fundas para instrumentos que podes mesmo personalizar e que veñen feitas a man desde Melide, recoméndovos que botedes unha ollada, hai moitas e moi orixinais!



Bolso de Musical Betanzos
Cazadora negra de H&M (xa saíu aquí)
Pantalóns negros de H&M (xa saíron aquí)
Camisa vaqueira de Sprinfield (22,95 euros)
Pendente de Primark (1,99 euros)
Zapatos oxford de Truffle (xa saíron aquí, aquí, aquí e aquí)
Lente de sol de Ray Ban (xa saíron aquí e aquí


Ata aquí por hoxe... que vós tamén estaredes a desfrutar dos vosos agasallos ou a pensar nos que van vir en Reis! Agardo que vos gustase o estilismo que partiu do meu novo bolso e que o pasedes o mellor posible nestas datas e sempre... MOI BO NADAL!

Bicos grandes e grazas de novo por seguirdes aí! ;)

Silvia

Publicacións populares