Zapatos de veludo e plataforma

Ola! Logo dunha pequena paréntese obrigada e por motivos ben tristes, retomo a actividade no meu aprezado blog nestes días en que comeza o rebumbio das compras de Nadal, esa época tan desexada por uns e tan odiada por outras, coma min, por exemplo; iso si, non podo negar que estas datas veñen acompañadas, en moitos casos, de descontos como os desta fin de semana, que aínda que proveñen de tradicións importadas, sempre son benvidos, e si, estouvos a falar do "venres negro" ou "black friday" que na maioría dos casos se converteu en toda unha fin de semana acompañada de descontos entre o 20% e o 50% e que serviu para adiantar esas compras de Nadal que inevitablemente faremos ou, coma no meu caso, mercar algunhas prendas ás que lles tiña botado un ollo mais estaba a agardar unha pequena rebaixa para poder facerme con elas. Mais mentres non estreo os estilismos con desconto achégovos un co meu novo obxecto de desexo, os meus zapatos granates de veludo de Asos!


Neste estilismo todo parte do calzado, así que decidín combinalos coa mochila tamén de Asos, que xa vistes tamén en varias ocasións, e co meu novo fular de Sprinfield, quentiño e comodísimo.




Ao levar estes pantalóns con estampado xeométrico de H&M e con base en rosa clariño decidín completar o estilismo cunha gabardina básica en beis de Zara, tal útil como cómoda.




Ademais, sempre que levo a gabardina, adoito pór unha chaqueta ou xersei gordiño por baixo porque é que senón "cómeme o frío" como digo eu, así que desta volta puxen a miña chaqueta de peluxe negra.


Ao levar semellante superposición de prendas, recoñezo que esa é unha das miñas debilidades hehe, engadín unha camisola tipo baseball básica de Asos na mesma cor que a do pantalón e engadinlle o colar negro que merquei no Sprinfield do The Style Outlets e que coido que vai moi ben con prendas básicas coma neste caso, basicamente porque destaca.


Gabardina básica beis de Zara (49,95 euros)
Pantalóns estampados de H&M (24,95 euros)
Pano granate de Stradivarius (9,95 euros)
Chaqueta de peluxe de H&M (xa saiu aquí)
Camisola básica de Asos (12,95 euros)
Colar de Stradivarius (xa saíu aquí)
Mochila de Asos (xa saíu aquí)
Zapatos de veludo de Asos (57,14 euros)

E por hoxe máis nada! Agardo que vos gustase o estilismo e os meus novos zapatos de veludo en particular... eu adóroos porque teñen plataforma e tacón e son comodísimos, mais, recoñezo que a miña perdición son os zapatos desa marca! Que lle vou facer! ;P

E vós, tedes algunha marca preferida de calzado, cal é?

Moitos bicos e grazas por seguirdes aí! ;)

Silvia

Publicacións populares