Camisa de flanela & pantalóns rachados

Xa hai ben tempo que prendas que formaban parte do armario masculino aparecen nos estilismos das mulleres, nun mundo onde cada quen vai como lle peta a cuestión do xénero nas prendas cada vez é máis secundaria e o importante é poñermos o que nos gusta e non o que nos corresponde. Xa hai dous anos que conto no armario con prendas como a camisa que vos traio hoxe, de cadros, ampla e de flanela, son moi quentiñas para o inverno e recoñezo que, como sabedes, é que me encantan os cadros!




Cando vin esta camisa en Primark pensei que era perfecta para min, pola súa amplitude e comodidade... si, ben sei, que por aí as chaman camisas tipo "boyfriend", e entendo que a idea vén de que este tipo de camisas pódesllas coller ao teu mozo mais paréceme un pouco machista na medida en que prendas máis femininas que se teñen achegado nos últimos tempos ao armario masculino non se chaman tipo "girlfriend", ademais de que non responde a unha realidade na medida en que realmente mercamos as prendas novas, tampouco é que as tomemos emprestadas! ;P, non me vai a dependencia nin na denominación da roupa, polo que vedes, sonvos así! ;).



A camisa combineina cuns vaqueiros rachados, deses que a miña nai non entende porqué compro, se é que están rotos! Nestes casos é cando te decatas da diferenza xeracional, cando a teus pais, como é normal, non les colle na cabeza como podes mercar uns vaqueiros rachados cando antes os andaban a remendar para que non o estivesen... mais "o mundo da moda évos así", como eu lles digo! ;P. O certo é que eu os adoro!




Como a camisa leva todo o protagonismo, engadinlle os meus zapatos oxford negros de charol e mais a chaqueta tipo americana negra de Mango.






O que si que quero destacar é o meu novo complemento preferido... a mochila granate con cara de Monstro de Asos, que xa vos ensinara aquí e á que finalmente non me puiden resistir.

 Camisa de cadros vermella e negra de Primark, 13 euros
Vaqueiros rachados de Pull & Bear, 25,95 euros
Chaqueta de Mango, xa saíu aquí
Zapatos de Truffle, xa saíron aquí
Mochila de Asos, 39,81 euros

E vós, xa vos rendestes aos cadros neste outono-inverno? Como vedes eu xa non teño remedio!

Que teñades unha moi boa semana e bicos grandes!

Silvia