Peluxe e prata

Boa tarde! Como van esas fins de semana de choiva? Supoño que afacéndonos a elas, que moito nos queda, mais que tamén... que fermosas son! Desta volta o sábado tivemos sorte e non choveu, así que aproveitei para estrear unha saia que merquei hai máis dun mes en River Island e que aínda non tivera oportunidade de pór, ademais esta saia de coiro e cor prata xa saiu entre as miñas escollidas cando vos falei da volta da tendencia do coiro, só lle vexo unha pega... que agardei tanto a estreala que xa me queda algo grande, porque adelgacei un chisco, e vexo complicado amañala polo material de que está confeccionada, así que tentarei tirarlle o máximo proveito nas vindeiras semanas. 

A outra prenda estrela do estilismo é a chaqueta de peluxe, se lembrades xa o ano pasado comezaron a aparecer e pasei un pouco da tendencia porque realmente achega volume, mais recoñezo que este ano probei esta en H&M e foi tan suave e cómoda que non me puiden resistir! Efectivamente é como levar un peluxe enriba e encántame, é destas prendas ás que de seguro lle hei de tirar un bo partido ao longo de todo o outono e inverno, o único que non me gustaba é que era aberta mais aí estaba a miña nai para lle pór un pequeno botón co que a cerrar, así si que ficou perfecta! Polo que respecta á blusa granate e de encaixe ten xa uns aniños e mercáraa en H&M+, agora fícame algo grande a pesar de que lle collín dos lados varias veces mais non puiden remediar poñela porque adoro esa cor e pensei que combinaba moi ben coa saia. Os zapatos oxford son os do estilismo anterior, negros e de charol, o colar tamén o vistes noutras ocasións e o cinto é metalizado e tornasolado, aínda que nas fotos non se aprecie moi ben e merqueino en Lefties.







Chaquela de peluxe de H&M (34,99 euros)
Saia de River Island (42,86 euros)
Blusa de H&M+ (29,99 euros)
Zapatos oxfordde Truffle (xa saíron aquí)
Cinto metalizado de Lefties (2,99 euros)
Colar negro (xa saíu aquí)

E isto é todo por hoxe! Agardo que vos gustase o estilismo e que teñades un moi bo inicio de semana! Eu estou a contar os días para unha pequena escapada ao Salón Náutico de Barcelona... e aínda non sei que me poñer, mais de seguro que vos traio algún estilismo de aló!

Moitos biquiños e sede felices! ;)

Silvia