De estrea!

Ola de novo! Aquí estamos case a final da semana... e non para de chover! Menos mal que estas fotos son do sábado porque cos días que temos a cousa non dá máis que para gabardinas, chuvasqueiros, botas e paraugas... eses paraugas que non valen para nada cando veñen as cicloxéneses (ou temporais de toda a vida) e que temos que mercar tropecentos mil cada ano porque o vento os fulmina cando menos o agardamos! Ben, pois na fin de semana houbo un pouco máis de sorte e puiden estrear varias prendas que mercara recentemente.

Comezarei polas botas... basicamente porque a ilusión de ter unhas botas altas, até os xeonllos, era tal que non cabía en min cando vin que me servían; tiven a sorte en H&M e o certo é que non adoito mercar calzado alí, nunca lle cadrou, mais desta volta atopei as botas perfectas, e ao seren elásticas serven para moitos tipos de pernas e non só para as máis delgadiñas, tamén New Look este ano ten algunhas botas altas do mesmo estilo mais o certo é que estas de H&M aínda por riba tiñan mellor prezo, así que non me puiden resistir. Xunto coas botas estreei este vestido de manga longa comodísimo e que adoro, o estampado é totalmente de outono e a cor de base é a granate, unha das miñas favoritas. Como o vestido e as botas me gustaban tanto decidín non engadirlle máis complementos mais apostar por uns pendentes longos en negro e desiguais, con notas musicais, que merquei en C&A e que me pareceron super orixinais e simplemente engadirlle unha chaqueta en negro e máis formal que o certo non é que me encante mais si que me parece moi útil e doadamente combinable. Sei este tipo de blazer está moi de moda aínda que a min nunca me chamou moito a atención e recoñezo que é a primeira que teño un, mais aínda así, estou convencida de que lle hei de tirar bo proveito con outro tipo de prendas máis especiais e orixinais. O bolso xa é vello, debe ter uns tres anos, e o certo é que o debín pór tres ou catro veces, mercárao en Blanco para unha cea máis formal e aí ficou, no fondo do armario... mais lembrade que sempre hai que lle dar unha volta ao armario cando non atopades algo que vos encaixe, que de seguro que algo ha de haber.




Vestido de H&M (29,95 euros)
Chaqueta de Mango (49,95 euros)
Botas de H&M (49,95 euros)
Bolso de Blanco (19,95 euros)
Pendentes de C&A (6,95 euros)

Pois até aquí hoxe... que vos parecen as botas tan altas? A min sorprendeume a súa comodidade, nunca tal pensei! E agora xa case me gustán máis que as que son a media perna ;P

Que teñades unha moi boa finde e moitos biquiños!!!

Silvia