Bicos en rosa

Desde a primavera pasada o estampado de bicos fai furor, foi a colección de Yves Sant Laurent a que o subiu ás pasarelas de novo e a moda máis romántica logo saltou ás coleccións de todas as tendas. En primavera H&M agasallounos con varias prendas con este estampado tan divertido e non puiden resistirme a este top curto de neopreno, outro dos tecidos que está collendo forza para as prendas do día a día nos últimos tempos.



Os tops curtos que nos lembran a mocidade tamén están de volta e de feito son moitas as bloggers de talla grande que amosaron nestes meses de verán que esta tendencia tamén é para todas as tallas, mais eu, pola miña banda, que nunca fun moito de ensinar carne, para que negalo, e prefiro adaptar a tendencia cunha camisola negra básica por baixo. Certo é que é complicado atopar o momento para poñer o top de neopreno  posto que debaixo das chaquetas ocupa moito e por riba, ao ser de manga longa, se vai calor tampouco é moi fresco, mais estes días onde volve a calor, e xa non sabemos se vestir de verán ou inverno, pensei que era adecuado por ser unha prenda do chamado "entretempo".




A saia é tamén de H&M, merqueina no verán e pouco a puxen porque é bastante curta, mais agora, coas medias dáme que lle vou sacar máis partido. As botas, tamén da mesma tenda, xa as vistes nun anterior estilismo e de seguro que lles vou tirar moito partido porque son moi cómodas e combinan con todo!




Canto ao bolso é unha pequena xoia que merquei en Imperio Clandestino, unha tenda que está no Centro Comercial Las Rozas Village, en Madrid, e que dispón de moitas versións diferentes dos bolsos que máis me gustan... os tipo Satchel! Este é azul e de ante cunha calidade que, ademais, fai que a choiva esvare sobre a pel e nunca se enchoupe. Combineino coas unllas pintadas dun lila metalizado que merquei en Kiko e cos beizos rosa fuscia tamén da mesma tenda.


Top de bicos de H&M, 24,95 euros
Camisola negra básica de Asos, xa saiu aquí
Saia de H&M, 9,95 euros
Botas de H&M, xa saíron aquí
Bolso de Imperio Clandestino, 59,95 euros

Recoñezo que me fascina este estilismo, o negro e o rosa son dúas das miñas cores preferidas e os estampados alegres, coma neste caso o de bicos, son a miña perdición! Agardo que a vós vos guste coma a min!

Silvia

Publicacións populares