Nova andaina e Ás voltas coa moda

Benvid@s!! Comezo con este blog unha nova andaina, e digo nova porque xa hai anos xestionei un outro que trataba principalmente temas de política, lingua e os relacionados co decorrer da vida nunha pequena vila galega. Desta volta, moitos anos despois, moitas vivencias logo e cunha situación ben diferente á daquel entón podo dedicar o tempo de lecer a unha das cousas que máis me gustan, a moda, as tendencias e todo o que teña a ver con este pequeno mundo que, queiramos ou non, está presente no día a día das nosas vidas.

Non hai moito coñecín a través dun colega de profesión o blog Bolboretas no bandullo, que sigo a miúdo, debido ao meu gusto pola cociña, especialmente polas receitas doces, e que me fixo reflexionar sobre a necesidade de crearmos espazos para a nosa lingua naqueles ámbitos onde está máis excluída e invisibilizada, naquel caso, a cociña, neste caso, a moda e as tendencias. A moda, o mercado téxtil e os blogs de moda son uns espazos onde a nosa lingua é a grande esquecida, a pesar de que son moitas na actualidade as bloggers galegas a maioría, por non dicir a totalidade, escollen o español para se comunicaren e no caso de usaren outra lingua a escollida é o inglés, por iso de traspasaren fronteiras. Obviamente cando lle comecei a dar voltas á idea de crear un blog sobre o que me gusta, o tema da lingua nin sequera era cuestionable, non só pola necesidade de normalizarmos o seu uso en todos os ámbitos e porque non me podería expresar tan ben en ningunha lingua como na miña, senón porque para min tampouco é unha barreira cando leo blogs de todo o mundo en diferentes linguas sen maior dificultade a pesar do meu axustado coñecemento das linguas estranxeiras. No futuro mesmo agardo procurar colaboracións de distintas persoas en distintas linguas, porque as linguas sempre suman.

Mención aparte, e que de seguro que hei de tratar no futuro, é o tema das mozas case modelos que aparecen na maior parte dos blogs de moda e do xurdimento e auxe dos blogs das chamadas "curvy girls" ou mozas que non encadran nos estándares a que o mundo da moda pretende someternos, porque tampouco tería claro onde me encadrar porque o certo é que teño uns quilos de máis e iso supón maiores trabas á hora de acceder ás tendencias mais non por iso me considero unha "curvy girl" porque simplemente son eu mesma, Silvia. 

Son unha moza (cada vez menos ;)) galega que vive nunha pequena vila e que non se dedica a nada relacionado co que pretendo falarvos neste blog, principalmente porque os problemas laborais e persoais xa son abondos nesta vida como para poder desconectar de cando en vez para falar do que me gusta. En xeral gústame a moda, mais o feito de non encadrar neses estándares de beleza por mor da talla sempre fixo que lle tivese que dar unha volta máis a todo e é posible que cos anos iso se convertese nunha maior preocupación polos meus estilismos. Aínda que resulte curioso gústame mercar roupa e estar ao día das tendencias mais non tanto ir de compras, polo que nos últimos anos comecei a mercar en liña e teño que admitir que atopei tesouros de tendas ás que me é imposible ir fisicamente porque non as hai nin perto de onde vivo, mais nas que busco continuamente prendas e/ou complementos que aquí me resultaría moi difícil atopar. Destas e doutras moitas cousas tentarei falarvos neste espazo que non pretende máis que pór un grao de area moi pequecho para contribuír á normalización do galego á vez que dar a coñecer as miñas inquietudes relacionadas co mundo da moda. Agardo que, polo menos, sexades felices un chisco, mentres me acompañades nesta nova andaina e neste novo blog. Poñede as zapatillas que estades na casa! ;).

Silvia