Bananas & negro

Ola! Hoxe, fin de semana, tráiovos un conxunto que me encanta! Podería poñelo calquera día e está composto por prendas que definen completamente o meu estilo. Teño que admitir que a comodidade é un dos meus principios, sen deixar a un lado por iso a moda e as tendencias, por iso xa vos anticipo que neste blog non veredes modelos imposibles, senón algúns outros que calquera de nós pode levar día a día. Recoñezo tamén que ultimamente me estou a decantar demasiado polo negro e que intento combinalo, coma neste caso, con algunha prenda colorida, para dar máis luz á imaxe. Tamén é importante xogar cos volumes e saber onde queda ben o negro para atopar o equilibrio entre os intentos de estilizarmos a figura e ofrecer unha imaxe actual e divertida.

O suadoiro é de H&M, unha das miñas tenda favoritas, non só polos seus deseños e prezos, senón porque ten sección de tallas grandes, na que merquei durante moitos anos e mesmo no resto da tenda é relativamente doado atopar prendas da 44 ou 46 que tallan abondo; este suadoiro en concreto encantoume porque adoro os estampados, e máis aínda os suadoiros estampados e de cores chamativas. O skort (skirt+short), prenda que hai como dúas tempadas chegou ás tendas, e que tamén chaman nalgúns comercios "saia origami" merqueina no New Look de Oxford Street, en Londres. Canto á mochila que veredes en moitos artigos, de seguro, é de Fashion Pills, o colar merqueino en Lefties. As botas son xa da tempada pasada e de Shoes Piel, mais polo que estiven vendo este ano séguense a levar as botas de pel con detalles en dourado e fibelas, polo que decidín que tamén hai que reciclar pezas de tempadas anteriores.









Suadoiro (9,95 euros)
Skort (22,99 euros)
Colar (5,99 euros)
Mochila (29,99 euros)
Botas (59,99 euros)

Agardo que vos guste e opinedes, sobre todo me interesaría saber que opinades dos skorts, esas prendas a cabalo entre as saias e os pantalóns curtos que en principio parecían un pouco estraños mais que realmente son super cómodos e coido que dan un punto diferente.

Sede felices e vémonos no próximo estilismo! ;)

Silvia